Venres, 03 de xullo de 2009
Haivos cousas ben curiosas, de certo. Recibir “agasallos” en forma de traxes carísimos pode saír de balde, pero mercar patacas na feira de Carballo pode supoñer a saída dun posto de máximo nivel. A cousa funciona así.
Alberto Sáiz, até agora director do CNI, é unha persoa relativamente coñecida por Carballo. Casado cunha muller desta localidade, a súa presenza na nosa vila nunca pasaba inadvertida posto que, debido ao seu cargo, sempre ía acompañado de numerosa escolta. Por iso, as súas frecuentes visitas a Carballo case sempre eran posteriormente relatadas nos xornais, polo facilmente documentábeis.
Alberto tiña mercado patacas en Carballo e Coristanco milleiros de veces, seica, antes de ser director do CNI e mentres o foi. Pero agora resulta que o xornal El Mundo se lanzou a unha campaña de acusacións contra el, sinalando que os pagamentos se fixeron con cargo aos fondos do estado.
Non imos ser nós quen defendamos a unha persoa que non tratamos, nin poñer a man no lume sobre o feito de con que diñeiros se pagaron esas patacas, pero tamén é ben curioso que un xornal coma este, que pasa por alto centos de “despistes” da dereita española indague agora con que paga a súa compra miúda unha persoa que, de certo, non ten ningún problema para chegar a final de mes nin para pagar as súas necesidades de abastecemento no eido da pataca (que tampouco está tan cara).
Din en El Mundo que non só compraba para si, senón que mercaba producións enteiras para regalar. Aínda o haberá que propoñer como bergantiñán do ano, se tal difusión fixo da pataca da nosa bisbarra!
Chuza!




Comentarios Recentes