O 9 de Marzo, a Igrexa tamén xoga

9-M Comentar este artigo »

Xoves, 31 de xaneiro de 2008

A igrexa católica, esa á que pertencen, entre outros, os bispos que veñen de tildar unha vez máis de enfermidade a homosexualidade, ou aqueloutro que dixo que os menores, ás veces, os incitan a abusar deles, por non falar dos casos de pederastia… vén de considerar oportuno “orientar” o voto de cara ás eleccións do vindeiro 9 de marzo.

Segundo a nova que recolle hoxe o Gznacion, a conferencia episcopal non pide, de forma expresa, o voto para ningunha formación política. Isto na teoría, porque despois recomenda un voto “moralmente axeitado” e, entre outras lindezas, inclínanse por non votar a partidos que “negocien cos terroristas” (a alusión ao PSOE fica clara, incluirán tamén no saco ao PP?; temémonos que non, a pesar de que Aznar ou delegados seus si se entrevistasen con ETA) ou sinalan aos nacionalismos, indicando  que admiten (”en principio”) a lexitimidade das súas posturas, pero mandándolles un recadiño ben claro: “hai que evitar a manipulación da verdade histórica e da opinión pública en favor de pretensións particularistas ou reivindicacións ideolóxicas”. 

En fin, todo un compendio que se resume en dez puntos (si, como os mandamentos) que non teñen desperdicio e que vos recomendamos (podedes botar un ollo na propia páxina de Gznacion).  Tamén podedes atopar información sobre este tema en Vieiros e La Voz de Galicia.

O Consello da Xuventude de Galiza, existe?

Hoxe recomendamos... Comentar este artigo »

Mércores, 30 de xaneiro de 2008

A maior parte da mocidade galega posibelmente o descoñeza, pero resulta que temos un órgano que nos representa, ou iso debería. Trátase do Consello da Xuventude de Galiza, no que en teoría están representadas todas as asociacións xuvenís do país e que foi creado co obxectivo de dar cobertura ás problemáticas da mocidade, para que foran debatidas e trasladadas ao goberno galego.

O Consello da Xuventude de Galiza debe de ser unha desas poucas institucións do país cun goberno tan curioso. Aquí, o PP (na súa rama xuvenil, Novas Xeracións) apoiou a proposta das xuventudes do PSdeG, e agora ambos comparten o goberno desta institución, xunto cun conglomerado de siglas que inclúe de todo (organizacións de dubidoso carácter democrático, scouts, organizacións pantasmas de ambos partidos políticos…).

Este breve introdución serve hoxe para recomendar un artigo de Henrique del Río, quen no seu blog aberto no Gznacion, reflexiona, cunha elevada acidez e ironía, sobre a última asemblea desta institución, que tivo lugar o pasado sábado, e sobre a situación actual da que debera ser algo así como a cámara de representantes da mocidade galega.

Relacións interesadas

Está pasando 1 Comentario »

Martes, 29 de xaneiro de 2008

A edición de Bergantiños de La Voz de Galicia agasállanos cun titular deses que, sen negar a súa veracidade ou non, son cuestionábeis, non tanto polo que din, como polo que deixan entrever.

O titular indica que o 90% da mocidade que sae en Carballo proba distintas drogas. Así, de primeiras, varias preguntas que acompañarían ou matizarían este titular: 

a) E fóra de Carballo? A imaxe da vila capital de comarca xa non é excesivamente afortunada en moitas zonas do país, e xuntar acusacións de drogadicción en tan altas porcentaxes con Carballo, non é un grande favor.

b) E fóra do sector da mocidade? Está ben que se analice a situación da mocidade, pero a imaxe que se pretende deixar non é acaída. Máis se temos en conta que a análise conta como droga (o cal é certo, por outra parte) o alcol. E se analizamos o conxunto da sociedade, a cifra non será moi semellante?

 O titular vén a conta dunha enquisa que organizou a Asociación Antidroga Vieiro, en varias fins de semana.  Sen cuestionarmos para nada a certeza ou non dos datos obtidos (xa é cuestionábel o valor estatístico dunha enquisa con pouco máis dun cento de inquéritos), o que si deberiamos, ante titulares destes, é non caer na demagoxia e analizar a nosa realidade.

Poida que a nosa mocidade teña unha relación moi próxima co mundo das drogas, e nomeadamente co mundo do alcol, pero, e que acontece co mundo que lle rodea?  A mocidade non é unha illa, é unha parte máis do noso mundo, da nosa sociedade, e é un reflexo dela.

Facer esta análise sen termos en conta que vivimos nunha época en que todo se festexa con alcol pode dar lugar a confusións. Ou que imaxe temos da vitoria? Pois a do campión subido no podio e cunha enorme botella de champaña. E que imaxe temos dunha festa elegante? Aos invitados brindando cun bo viño. E que imaxe temos dunha festa popular? Pois a “sesión vermouth”, a verbena (con barra de bar, por suposto).

E non deixa de ser hipócrita falarmos de mocidade e alcol sen analizarmos a presenza deste na sociedade en xeral. Por exemplo, o 90% dun grupo de apenas cen persoas mozas probaron o alcol, e se fixeramos esa mesma pregunta en calquera rúa de Carballo? E se preguntamos a un cento de persoas na rúa se na última semana probaron calquera tipo de droga (incluido o alcol), a porcentaxe non sería do 90%? Quen negaría ter tomado unha cervexa, un viño, unha copa na fin de semana, un vermouth na última verbena…

Este é o problema de concretar os estudos e análises: podemos orientar os resultados ou sacar conclusións que xa pretendiamos.   

Os problemas sexuais da igrexa

O que hai que oír Comentar este artigo »

Luns, 28 de xaneiro de 2008

A maior parte da xente xa sabía das moitas fobias da igrexa católica, representadas en forma de pecados e normas morais de obrigado cumprimento. Malia iso, dun tempo a esta parte están algo “saídos”, seica o tema do sexo lles toca de preto.

Despertabamos hoxe, en case todos os medios escritos, coas declaracións dun novo bispo, desta volta o de Almería, que declaraba, nin máis nin menos, que “a homosexualidade normalmente é unha enfermidade, ninguén quere ser homosexual”.

Ben, salvando a barbaridade de este home pretender falar en nome de toda a cidadanía (”ninguén quere ser…”),  resulta xa recurrente o feito de sinalar a homosexualidade como doenza. Neste senso, o/a xornalista fixo unha pregunta moi acaída ao bispo: “pero tamén hai sacerdotes homosexuais”, e a resposta: “non, non debe habelos”.

Pode ser certo que non deba habelos, pero o feito é que os hai. Todo o mundo recorda aínda o caso dun sacerdote andaluz que tivo a valentía de saír na revista Zero (destinada, principalmente, ao público homosexual) recoñecendo a súa condición, ou a renuncia de Juan Carlos Maccarone, fai algo máis de dous anos en Arxentina, ao saberse da súa relación cun mozo de 23 anos. E todo isto, por suposto, sen entrarmos a analizar os casos dos curas pedófilos, que tanta sona tiveron no seu momento.

Porque o da pedofilia, máis se o asociamos á igrexa (supostamente asceta), tanto máis que doenza é delicto. E aquí aínda recordamos as declaracións, fai menos dun mes, doutro bispo, desta volta de Tenerife, que sinalou que “o abuso a menores se produce debido a que hai menores que os consinten” e, ollo ao dato, a perla final: “hai adolescentes de 13 anos que son menores e están perfectamente de acordo e, incluso, se te despistas, provócante”.  Con posturas como estas, non debería sorprender (quizais si escandalizar) a actitude da xerarquía eclesiástica que, en varios casos xa, ao saberse de temas de abusos a menores, en vez de despedir aos seus sacerdotes, simplemento optou por cambialos de destino.

Por certo, que esta teima non é só da igrexa. No seu momento tamén o PP levou ao parlamento un experto que mantivo a mesma teoría (o da homosexualidade como enfermidade) e moitos dos seus altos cargos non andan moi lonxe da súa teoría.

En fin, o que hai que oír. Mellor que falar da igrexa, case sería deixalos falar a eles: as súas propias palabras desacredítanos máis do que ninguén o poida facer.

Podo prometer e prometo…

9-M Comentar este artigo »

Domingo, 27 de xaneiro de 2008

Onte, sábado, foi unha fin de semana intensa na campaña electoral do vindeiro 9 de marzo. Rajoy e Feijoo organizaron un acto de precampaña en Santiago de Compostela, o BNG organizaba a súa convención electoral neste mesma vila, mentres que o PSOE se reunía en Madrid para debater e aprobar o seu programa electoral.

O PP, despois de montar a liorta co tema da lingua, pasou por alto deste tema en Galiza, e centrou parte das súas intervencións no tema económico, onde segue a ofrecer unha e outra vez rebaixas de impostos. Máis aló de que non deixe de seguir sendo demagóxico andar sempre co tema de dicirlle á xente que vai pagar menos (cousa que por outra parte é un engano de ilusionista, toda vez que prometen rebaixar os impostos directos, é dicir, aqueles nos que cadaquén paga en función do que ten, co cal antes ou despois acabarán subindo os indirectos, que se ven menos pero repercuten de igual xeito en calquera clase social, é dicir, desta forma acabamos coa progresividade do sistema tributario e aumentamos as desigualdades), non deixa de ser tamén paradóxico que xusto onte, fronte á sede do PP en Madrid, houbese organizada unha protesta dun milleiro de veciños/as de Salamanca que protestaban por unha subida salvaxe (dun 33% nalgúns casos) dos impostos municipais, nun concello onde precisamente goberna o PP. Ou, tamén por exemplo, ollamos estes días o debate na vila de Coristanco, onde precisamente toda a oposición está a protestar por unha subida excesiva dos impostos municipais que pretende o goberno do PP. Non deixa de ser irónico. Por certo, unha vez máis, tamén en Galiza, atopou espazo no seu discurso para falar, como non, de terrorismo e ilegalización de partidos políticos. Hainos que non cambian.

Na xuntanza que o PSOE mantivo en Madrid, pois non deixa de haber tamén as súas peculiaridades. Por exemplo, unha das enmendas que seica fixeron algunhas deputadas ao programa foi a de solicitar que calquera modificación que se estableza na lexislación sobre o aborto contemple o dereito das mulleres a decidir. O paradóxico desta situación está en que, mentras outras forzas de esquerda como o BNG teñen isto moi claro e defendérono sempre, o PSOE non se aclara. Fai catro anos figuraba como compromiso electoral de Zapatero, o de aprobar unha lei de prazos, pero non se atreveron (quizais polas presións, non se sabe), e agora atópanse que deron un paso atrás e teñen que discutir se están a favor ou non. Pois vaia coas políticas progresistas do PSOE.

O BNG, pola súa banda, lanzou dúas mensaxes claras de cara ao 9 de marzo. Primeiramente, que despois desta data, e de cara ás negociacións para a elección de presidente, o BNG estará disposto a negociar o que faga falta, pero sempre poñendo sobre o debate Galiza. En palabras de Quintana: con Galiza, todo; sen Galiza, nada de nada.

Neste senso, destacou tamén o factor da negociación desenvolvida co PSOE nos últimos meses, nos cales o BNG conseguiu inversións e transferencia de competencias, e resaltou que o BNG é a forza que  menos deputados/as ten de Galiza, pero aínda así o presidente non negociou nin cos deputados/as galegos/as do PSOE nin cos do PP. Cos primeiros, porque abondaba con darlles ordes, e cos segundos porque non ían atender a razóns. Por iso, se queremos que alguén mire por Galiza só resta o voto BNG. 

E incidiu tamén Quintana nun aspecto interesante: moita xente pregúntase até o 9 de marzo quen será o vindeiro presidente, e durante a lexislatura interrógase que peso teñen e que están a facer por nós os deputados/as galegos/as.  Pois Quintana animou a cambiarmos de estratexia: darmos forza ao BNG para conseguirmos que a representación galega e que vai mirar polo país (isto é, a do BNG) sexa forte e así xa saberemos ben despois que poden facer por nós, independentemente de quen presida o goberno central.  

Plano de acuicultura, un debate necesario

Está pasando Comentar este artigo »

Sábado, 26 de xaneiro de 2008

O país, e especialmente a Costa da Morte, está a vivir un debate moi intenso darredor do proxecto de acuicultura presentado pola Conselleira de Pesca, Carmen Gallego (PSOE).

Desde que se coñeceran as ubicacións propostas, varias son as plataformas que se fundaron para protestar, desde unha global, Galiza non se vende, até outras por zonas, como Merexo non se vende ou Seiruga limpa.

Pero a pesar de que estas plataformas levan xa varios meses traballando e loitando, foi nesta semana cando definitivamente saltaron ao primeiro plano de actualidade.

O pasado domingo organizouse polas rúas de Malpica unha nova manifestación convocada por Seiruga limpa e á que acudiron membros de todas as forzas políticas así como representantes doutros colectivos con similires reivindicacións no país. O luns algúns dos membros da plataforma trasladaron as súas protestas a un acto de precampaña do BNG, e onte, cunha visita case de incógnito da Conselleira de Pesca, membros de todas as plataformas congregáronse e protestaron durante cinco horas diante da presenza da conselleira, que realizaba unha visita ás instalacións que Isidro de la Cal ten na carballesa parroquia de Artes.

O escenario político móvese difuso, nestes tempos. Mentres que, por exemplo, en Malpica semellaba haber unanimidade, no resto non era así.

O pleno malpicán aprobou por unanimidade rexeitar a proposta de ubicación na Seiruga; sen embargo, despois, o alcalde, José Ramón Varela (PSOE), traizoou aos veciños, pois foi entrevistarse coa conselleira, do seu propio partido, sen aceptar levar consigo a representantes da plataforma, e volvendo tan só coa contestación de que a conselleira non ía aceptar alegacións ao proxecto.

A actitude da conselleira responsábel, Carmen Gallego (PSOE) é quizais do máis censurábel. Primeiro, recibindo en privado ao alcalde de Malpica sen admitir máis persoas na entrevista. Despois, visitando de incógnito Carballo (véxase que non se debeu convidar ao alcalde, xa que non estaba alí, e isto tería sido o normal; ou véxase a escasa repercusión que na prensa do propio día tivo a súa visita, tendo en conta quen era que nos visitaba) e negándose a falar coas persoas que se concentraron, que así o solicitaron, e fuxindo tras unha manobra de escapismo. Non semella que vaia ser a mellor forma de arranxar as cousas.

O BNG, pola súa banda, xa manifestou publicamente a súa aposta por un plano de acuicultura como necesario para este país, pero indicando claramente que o actual plano non recollía o seu sentir, e en concreto manifestou a súa oposición á instalación dunha planta en Seiruga e pediu reformas nos enclaves propostos na Costa da Morte. Ademais, o portavoz parlamentario, Carlos Aymerinch, baixou entrevistarse cos membros da plataforma de Malpica, o que non impediu que estes tentasen boicotear un acto de precampaña na Laracha, malia que despois pedisen desculpas polas formas. Onte venres, os membros da plataforma volveron desprazarse a outro acto de precampaña, en Vimianzo, e ademais da súa presenza simbólica, non boicotearon o acto senón que foron recibidos despois polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, quen falou con eles sobre o plano acuícula.

O PP, pola súa banda, semella que moi pouco quere ou pode dicir sobre todo isto. Quizais con cargo de conciencia, xa que nos estertores do seu paso polo goberno, cando xa perderan as eleccións galegas e cun goberno en funcións, sacaron adiante (aínda que despois o paralizou o actual) un plano acuícola tanto máis gravoso e agresivo co medio ambiente (por exemplo, propuñan unha instalación en Cabo Touriñán, espazo protexido), agora limítanse a actuacións concretas e locais, con algunhas mocións como no caso de hoxe en Vimianzo, que non cuestionan de fondo o plano e pouco aportan ao debate sobre como e onde se deben colocar este tipo de empresas.

En fin, dende aquí quédanos animar á xente a seguir actuando socialmente, a defender o que consideran xusto, sempre dende a corrección, pero tamén con convicción e sen desfalecemento. E tamén, facer un chamamento ás forzas políticas, e en especial á conselleira de pesca, a que retomen o debate político para que a proposta final saia do consenso político e social.

Italia ou a indecisión

Alén Miño Comentar este artigo »

Venres,  25 de xaneiro de 2008

Italia caracterizouse nos últimos tempos polos continuos cambios políticos no goberno da República. Coa chegada ao poder de Romano Prodi á fronte dunha coalición de partidos da esquerda, remataba o mandato do dereitos Silvio Berlusconi.

Sen embargo, o feito de chegar ao poder á fronte dunha coalición moi plural e moi diversa, xunto co factor de obter a maioría por un resultado moi estreito, facía que calquera división na fronte fixera tambalear o goberno.

Fai uns días, un dos ministros do goberno foi acusado de certos escándalos, e anunciou que coa súa marcha, o seu partido iríase da fronte gubernamental. Iso facía tremer a maioría que sostiña a Romano Prodi, e hoxe consumouse a caída nunha sesión parlamentar na que, por riba, houbo de todo menos orde, e que rematou coa dimisión do propio Prodi.

Podedes ler máis en todos os medios da rede, xa que é unha das noticias do día. Dende aquí, tedes un link á nova en Vieiros, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia Gznación.

Rosalía

Mulleres Comentar este artigo »

Xoves, 24 de xaneiro de 2008

Recollendo unha suxestión que nos facía unha visitante, no noso mail, que fica aberto (nasterrasdepondal@hotmail.com) para calquera aportación que se queira facer, abrimos hoxe unha páxina neste blogue ao feminismo, ao debate sobre a presenza das mulleres na historia.

Rosalía de Castro é, quizais, unha das mulleres máis presentes na memoria de todos cantos pensan en clave de país galego. Nunha historia maiormente contada polos homes, Rosalía é unha desas mulleres que reloce con voz propia, que xa no seu tempo foi quen de abrirse un oco en espazos nos que as mulleres apenas tiñan presenza, e iso contando, quizais, coa desvantaxe da sombra que lle facía o seu propio home, outro ilustre como Manuel Murguía.

Fronte á visión lastimosa e de muller en tristura constante que intentaron inducirnos moitos autores, moitos outros tamén teñen posto en valor a valentía e coraxe dunha muller única na nosa historia. Destaca, quizais, o estudo que da súa figura ten feito o parlamentario Francisco Rodríguez.

Para coñecer máis sobre a figura da nosa maior poetisa, podedes dar unha volta, na rede, pola páxina da súa fundación, ou ollar unha breve escolma da súa vida e obra na páxina da Biblioteca Virtual Galega.

A lingua, en campaña

9-M Comentar este artigo »

Mércores, 23 de xaneiro de 2008

A cuestión lingüística entrou de volta en campaña, e desta volta non foi o nacionalismo galego quen deu o debate. Tristemente, un “galego” como Mariano Rajoy, candidato do PP á presidencia do goberno, fixo saltar a lebre e suscitou un sinnúmero de reaccións ao anunciar que garantirá, supostamente, a normalidade do galego naqueles territorios do estado con lingua propia.

Quizais, calquera persoa cun pouco de sentidiño se pregunte: e cal é o problema do castelán na Galiza, por exemplo? Pois nós non o vemos, non acabamos de atopar un trámite, unha acción concreta… que non se poida realizar na lingua de Castela nestas nosas terras.

Paradoxalmente, ao “galego” Rajoy nada lle preocupa que o galego (este si, o idioma) siga tendo vetados un sinnúmero de espazos, como a xustiza, as notarías, a administración do estado, e un longo etcétera.

Como era de agardar, as declaracións de Rajoy suscitaron moitísimas respostas. Quizais un artigo de moito interese a este respecto sexa o publicado hoxe en Vieiros por Dani Álvarez, pero tamén podedes botar unha ollada ás declaracións feitas por Anxo Quintana, Touriño, Anxo Quintana. Tamén hoxe podiamos ver, por exemplo, máis unha vez, os atrancos que a lingua galega atopa, neste caso nunha nova que publica Vieiros.

En fin, a estas alturas da película, aínda o que hai que oír.

A. C. Monte Branco

Xente na rede Comentar este artigo »

Martes, 22 de xaneiro de 2008

A Asociación Cultural  Monte Branco naceu fai xa máis de vinte e cinco anos cun único obxectivo: defender e espallar a cultura galega.

Para iso, dende unha pequena terra da nosa bisbarra, dende a parroquia pontecesana de O Couto, levan dende 1982 argallando diferentes tipos de actividades, facendo unha oferta plural, lúdica e formativa.  Sona adquiriron moitos dos concertos que organizou esta asociación, e xa é tradicional e de relevo máis aló de Bergantiños a Festa das Letras Galegas que organizan cada ano darredor do 17 de maio.

Na actualidade, teñen nesta parroquia unha Casa dos Veciños, onde dan acubillo e onde centralizan todas as súas actividades regulares: obradoiros de olería, talleres de teatro e xornalismo,  canto e pandeireta, a súa biblioteca… así como outras máis puntuais, como video-fórums, festas de reis, antroido, semana das letras, escola de verán, simposio pondaliano…

Dende aquí, non podemos máis que felicitármonos por contar nas nosas terras de Pondal con esta asociación tan viva e tan loitadora, e animarvos a visitalos, tanto na súa páxina web como na súa Casa dos Veciños.

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in