¿Cambiará algo nos EEUU?

Alén Miño Engadir comentarios

Luns, 21 de xaneiro de 2008 

Este ano 2008 remata o cuarto reinado da familia Bush á fronte da casa branca estadounidense, despois de dous mandatos de Bush pai, a comezos da década dos noventa, e nos estertores xa do segundo mandato de George W. Bush.

Para quen miramos con certo escepticismo todo o que ocorre no país que decide e condiciona grande parte da política internacional, semella que pouco cambiará. EEUU é un país onde reina o bipartidismo, xa que, aínda que en teoría as eleccións son libres e abertas, só dúas alternativas políticas,  a demócrata e a republicana, teñen opcións serias de ocupar o mando.

Na historia recente puidemos ver gobernos dunha ou doutra cor, novos e vellos podemos lembrar os gobernos republicanos das dúas sagas Bush e demócratas da parella Clinton-Al Gore (agora reconvertido a líder do movemento ecoloxismo a bordo do seu “jet” privado, que cousas hai que ver!), e non achamos grandes diferencias: ambos propugnaron guerras, ambos interviñeron descaradamente na política interna doutros países, ambos apoiaron a ditadores ao longo e ancho do planeta…

 Non obstante, e aínda a uns meses vista de que finalice o mandato de George W. Bush, quen dacordo coa lexislación ianqui non pode aspirar a un novo mandato, comezou xa a carreira, en forma de eleccións primarias en cada un dos dous grandes partidos. Estas eleccións serán as que determinen que dous candidatos/as optan á casa branca.

O bando demócrata é o que semella ofrecer maior actractivo, xa que aporta novidades á carreira presidencial. Por un lado, Hillary Clinton, unha das candidatas mellor posicionadas, porque sería a primeira muller que, de conseguilo, accedese á presidencia, mantendo, iso si, o factor familiar: se George W. Bush foi sucesor (con mandatos polo medio) de seu pai, Hillary podería ser sucesora do seu marido, Bill Clinton. Pola outra banda, o segundo candidato con opcións serias de ser o aspirante demócrata é Barak Obama, quen podería ser, tamén de conseguilo, o primeiro candidato de cor en gobernar EEUU.

Podes facer un seguimento ao día a través do portal de novas en galego, Vieiros.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in