Sábado, 19 de xaneiro de 2008
Nun acto coa prensa, o Presidente da Xunta e máximo responsábel do Partido Socialista de Galicia, Emilio Pérez Touriño, retrucaba ao BNG, dicindo que non era este o único que aspiraba a representar a Galiza, e sinalando a plena autonomía do PSdeG a respecto do PSOE.
É paradóxica esta afirmación. De ser falsa, como moito nos tememos, por mentireira. De ser certa, tanto peor. Reparade nun feito: alguén recorda nos últimos tempos que os/as deputados/as do PSdeG en Madrid votaran cousa distinta ao que ditaminase o PSOE? E acaso non se ten visto o noso país perxudicado por innumerábel número de decisións centrais nos últimos tempos (véxanse os recurtes na cuota láctea, na distribución da produción entre astaleiros galegos e doutras zonas do estado, na cota pesqueira…)? Pois entón, se tiñan autonomía e non votaron pensando en Galiza, tanto peor!
Tamén, é paradoxal que Touriño achaque ao BNG que, cando se aprobou o actual estatuto galego, o nacionalismo non estivese traballando a favor, cousa que si fixo o PSdeG. É paradoxal porque o que non di é que o nacionalismo estaba traballando por máis, por máis marco competencial, por algo máis que esa cativa autonomía que nos concederon. E é paradoxal porque hoxe semella que as tres forzas políticas están dacordo en pedir máis. Logo, o único que fixo o nacionalismo foi entender dende o comezo que mereciamos bastante máis. En fin…
Tamén son ben chamativas as declaracións de Esperanza Aguirre, a “popular” presidenta de Madrid, quen afirmaba que o novo número dous do PP nesa comunidade, Manuel Pizarro, era o “candidato de la gente que trabaja y quiere trabajar sin buscar privilegios ni soportar injusticias ni arbitrariedades» e tamén el «candidato de los jóvenes que quieren encontrar oportunidades».
Non acabo de ver eu que o ex-presidente de Endesa, entre outros altos cargos, sexa o mellor candidato-representante da clase traballadora. Se nese senso é o mellor que teñen, puf…
E sobre o da mocidade só hai que escoitar as primeiras declaracións do aludido, quen declarou que de non ter aceptado “no podría mirar a la cara ni a María San Gil ni a las familias de Manuel Giménez Abad [presidente do PP aragonés asasinado por ETA] o de Miguel Ángel Blanco”.
Isto é, asumindo o discurso máis reaccionario da dereita, nada máis chegar, volvendo sacar o reiterado tema da ETA para facer política e pedir o voto. Isto é o que lle queren ofrecer á nosa mocidade?


Comentarios Recentes