Martes, 22 de xaneiro de 2008
A Asociación Cultural Monte Branco naceu fai xa máis de vinte e cinco anos cun único obxectivo: defender e espallar a cultura galega.
Para iso, dende unha pequena terra da nosa bisbarra, dende a parroquia pontecesana de O Couto, levan dende 1982 argallando diferentes tipos de actividades, facendo unha oferta plural, lúdica e formativa. Sona adquiriron moitos dos concertos que organizou esta asociación, e xa é tradicional e de relevo máis aló de Bergantiños a Festa das Letras Galegas que organizan cada ano darredor do 17 de maio.
Na actualidade, teñen nesta parroquia unha Casa dos Veciños, onde dan acubillo e onde centralizan todas as súas actividades regulares: obradoiros de olería, talleres de teatro e xornalismo, canto e pandeireta, a súa biblioteca… así como outras máis puntuais, como video-fórums, festas de reis, antroido, semana das letras, escola de verán, simposio pondaliano…
Dende aquí, non podemos máis que felicitármonos por contar nas nosas terras de Pondal con esta asociación tan viva e tan loitadora, e animarvos a visitalos, tanto na súa páxina web como na súa Casa dos Veciños.

Comentarios Recentes