Venres, 18 de xaneiro de 2008
Nesta primeira fin de semana de existencia do blog, apuntamos na axenda colectiva algúns concertos e eventos que terán lugar na nosa bisbarra estes días.
Así, a sala carballesa La Reserva, tan habitualmente proporcionando espectáculos de música ao vivo, achéganos hoxe venres dúas bandas de rock ‘n’ roll que están a nacer na Galiza, Los Crueles (A Coruña) e The Passadenas (Pontevedra). Mañá sábado subirá ao escenario o grupo de hip - hop Duque Sam, que chega dende O Porriño.
A sala Los Ochenta, pola súa banda, segue tamén a ofrecer música, e entre outras actuacións dará cabida hoxe á presenza de Grito Negro, grupo que chanta as súas orixes na vila de Malpica de Bergantiños.
Mentras, un carballés de éxito, o monologuista Rober Bodegas actuará mañá na Coruña, no local La Oficina.
O pub D’Anton, da Laracha, adianta tamén que en breve (o 2 de febreiro) terá un novo concerto dentro da rede de música ao vivo, desta volta coa actuación de Le Punk.
Noutro sentido totalmente distinto, o Concello de Carballo vén de presentar a programación dos Venres Culturais, que se espallará nos vindeiros meses e que da cabida ás máis diversas actividades: teatro (coa presenza de Pistacatro ou Teatro do Morcego), música, maxia…
Sinalar a posta en marcha de Docespop, que incluirá varios concertos de música pop nos vindeiros meses, e a proxección de diversos documentais, entre eles, podemos destacar “As encrobas: a ceo aberto”, video documental de recente creación e que rememora os sucesos acontecidos en Cerceda a mediados dos anos 70, documental que aventuramos será de moito interese.
Tamén, en colaboración co Concello de Carballo, a Asociación Cultural Lumieira trae a Carballo ao ciclista Óscar Pereiro, único galego gañador do Tour de Francia, quen estará no Pazo da Cultura nun acto aberto o vindeiro día 28.
O Concello de Carballo oferta tamén, no Pazo da Cultura e até marzo, a exposición “O mar nos fondos da colección Caixa Galicia”, exposición que recolle a obra pictórica e escultórica dos máis salientábeis artistas galegos deste último século, tendo como fío e denominador común as referencias ao mar.

Comentarios Recentes