Xoves, 17 de xaneiro de 2008
Hoxe recomendamos un par de artigos que fan referencia a un tema que está no debate social destes días.
Trátase do dereito das mulleres a decidir sobre o futuro dos seus embarazos, un tema que sempre atopou a oposición frontal da Igrexa e dos sectores máis reaccionarios da sociedade, entanto que o PSOE optou por unha postura a dúas augas, sen dicir nunca que non, mais opoñéndose aos pasos adiante nesta materia.
Neste escenario, tivo que ser só o nacionalismo quen traballase e traballe aínda hoxe para tentar conseguir o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio futuro e o dos seus embarazos.
Hoxe, pois, recomendamos primeiramente un artigo da deputada nacionalista Ana Pontón, quen fai uns meses presentara unha iniciativa parlamentar para reclamar un cambio lexislativo neste aspecto, e quen no seu artigo reflexiona precisamente sobre o marco legal do aborto e as situacións que se xeneran, onde abortar é, moitas veces, máis que unha cuestión de conciencia, unha cuestión económica. Velaquí o enlace: www.gznacion.com/web/diccionario.php?ide=219&pag=0.
Igualmente, recomendamos a lectura dun artigo de Encarna Otero, que leva por título “Eu tamén abortei” (que, agardamos que co seu permiso, collemos tamén para titular esta nova) e que, máis que unha ficción, podería ser o título dunha iniciativa na que máis dunha ducia de mulleres (entre elas a propia Encarna Otero) se autodenunciaron por abortos ilegais para protestar, deste xeito, contra os feitos acaecidos estes días, co peche de varias clínicas e a sucesión de denuncias contra mulleres acusadas de abortar. Velaquí o enlace: www.vieiros.com/opinions/opinion/303/eu-tamen-abortei.


Comentarios Recentes