Luns, 28 de xaneiro de 2008
A maior parte da xente xa sabía das moitas fobias da igrexa católica, representadas en forma de pecados e normas morais de obrigado cumprimento. Malia iso, dun tempo a esta parte están algo “saídos”, seica o tema do sexo lles toca de preto.
Despertabamos hoxe, en case todos os medios escritos, coas declaracións dun novo bispo, desta volta o de Almería, que declaraba, nin máis nin menos, que “a homosexualidade normalmente é unha enfermidade, ninguén quere ser homosexual”.
Ben, salvando a barbaridade de este home pretender falar en nome de toda a cidadanía (”ninguén quere ser…”), resulta xa recurrente o feito de sinalar a homosexualidade como doenza. Neste senso, o/a xornalista fixo unha pregunta moi acaída ao bispo: “pero tamén hai sacerdotes homosexuais”, e a resposta: “non, non debe habelos”.
Pode ser certo que non deba habelos, pero o feito é que os hai. Todo o mundo recorda aínda o caso dun sacerdote andaluz que tivo a valentía de saír na revista Zero (destinada, principalmente, ao público homosexual) recoñecendo a súa condición, ou a renuncia de Juan Carlos Maccarone, fai algo máis de dous anos en Arxentina, ao saberse da súa relación cun mozo de 23 anos. E todo isto, por suposto, sen entrarmos a analizar os casos dos curas pedófilos, que tanta sona tiveron no seu momento.
Porque o da pedofilia, máis se o asociamos á igrexa (supostamente asceta), tanto máis que doenza é delicto. E aquí aínda recordamos as declaracións, fai menos dun mes, doutro bispo, desta volta de Tenerife, que sinalou que “o abuso a menores se produce debido a que hai menores que os consinten” e, ollo ao dato, a perla final: “hai adolescentes de 13 anos que son menores e están perfectamente de acordo e, incluso, se te despistas, provócante”. Con posturas como estas, non debería sorprender (quizais si escandalizar) a actitude da xerarquía eclesiástica que, en varios casos xa, ao saberse de temas de abusos a menores, en vez de despedir aos seus sacerdotes, simplemento optou por cambialos de destino.
Por certo, que esta teima non é só da igrexa. No seu momento tamén o PP levou ao parlamento un experto que mantivo a mesma teoría (o da homosexualidade como enfermidade) e moitos dos seus altos cargos non andan moi lonxe da súa teoría.
En fin, o que hai que oír. Mellor que falar da igrexa, case sería deixalos falar a eles: as súas propias palabras desacredítanos máis do que ninguén o poida facer.

Comentarios Recentes