Plano de acuicultura, un debate necesario

Está pasando Engadir comentarios

Sábado, 26 de xaneiro de 2008

O país, e especialmente a Costa da Morte, está a vivir un debate moi intenso darredor do proxecto de acuicultura presentado pola Conselleira de Pesca, Carmen Gallego (PSOE).

Desde que se coñeceran as ubicacións propostas, varias son as plataformas que se fundaron para protestar, desde unha global, Galiza non se vende, até outras por zonas, como Merexo non se vende ou Seiruga limpa.

Pero a pesar de que estas plataformas levan xa varios meses traballando e loitando, foi nesta semana cando definitivamente saltaron ao primeiro plano de actualidade.

O pasado domingo organizouse polas rúas de Malpica unha nova manifestación convocada por Seiruga limpa e á que acudiron membros de todas as forzas políticas así como representantes doutros colectivos con similires reivindicacións no país. O luns algúns dos membros da plataforma trasladaron as súas protestas a un acto de precampaña do BNG, e onte, cunha visita case de incógnito da Conselleira de Pesca, membros de todas as plataformas congregáronse e protestaron durante cinco horas diante da presenza da conselleira, que realizaba unha visita ás instalacións que Isidro de la Cal ten na carballesa parroquia de Artes.

O escenario político móvese difuso, nestes tempos. Mentres que, por exemplo, en Malpica semellaba haber unanimidade, no resto non era así.

O pleno malpicán aprobou por unanimidade rexeitar a proposta de ubicación na Seiruga; sen embargo, despois, o alcalde, José Ramón Varela (PSOE), traizoou aos veciños, pois foi entrevistarse coa conselleira, do seu propio partido, sen aceptar levar consigo a representantes da plataforma, e volvendo tan só coa contestación de que a conselleira non ía aceptar alegacións ao proxecto.

A actitude da conselleira responsábel, Carmen Gallego (PSOE) é quizais do máis censurábel. Primeiro, recibindo en privado ao alcalde de Malpica sen admitir máis persoas na entrevista. Despois, visitando de incógnito Carballo (véxase que non se debeu convidar ao alcalde, xa que non estaba alí, e isto tería sido o normal; ou véxase a escasa repercusión que na prensa do propio día tivo a súa visita, tendo en conta quen era que nos visitaba) e negándose a falar coas persoas que se concentraron, que así o solicitaron, e fuxindo tras unha manobra de escapismo. Non semella que vaia ser a mellor forma de arranxar as cousas.

O BNG, pola súa banda, xa manifestou publicamente a súa aposta por un plano de acuicultura como necesario para este país, pero indicando claramente que o actual plano non recollía o seu sentir, e en concreto manifestou a súa oposición á instalación dunha planta en Seiruga e pediu reformas nos enclaves propostos na Costa da Morte. Ademais, o portavoz parlamentario, Carlos Aymerinch, baixou entrevistarse cos membros da plataforma de Malpica, o que non impediu que estes tentasen boicotear un acto de precampaña na Laracha, malia que despois pedisen desculpas polas formas. Onte venres, os membros da plataforma volveron desprazarse a outro acto de precampaña, en Vimianzo, e ademais da súa presenza simbólica, non boicotearon o acto senón que foron recibidos despois polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, quen falou con eles sobre o plano acuícula.

O PP, pola súa banda, semella que moi pouco quere ou pode dicir sobre todo isto. Quizais con cargo de conciencia, xa que nos estertores do seu paso polo goberno, cando xa perderan as eleccións galegas e cun goberno en funcións, sacaron adiante (aínda que despois o paralizou o actual) un plano acuícola tanto máis gravoso e agresivo co medio ambiente (por exemplo, propuñan unha instalación en Cabo Touriñán, espazo protexido), agora limítanse a actuacións concretas e locais, con algunhas mocións como no caso de hoxe en Vimianzo, que non cuestionan de fondo o plano e pouco aportan ao debate sobre como e onde se deben colocar este tipo de empresas.

En fin, dende aquí quédanos animar á xente a seguir actuando socialmente, a defender o que consideran xusto, sempre dende a corrección, pero tamén con convicción e sen desfalecemento. E tamén, facer un chamamento ás forzas políticas, e en especial á conselleira de pesca, a que retomen o debate político para que a proposta final saia do consenso político e social.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in