Podo prometer e prometo…

9-M Engadir comentarios

Domingo, 27 de xaneiro de 2008

Onte, sábado, foi unha fin de semana intensa na campaña electoral do vindeiro 9 de marzo. Rajoy e Feijoo organizaron un acto de precampaña en Santiago de Compostela, o BNG organizaba a súa convención electoral neste mesma vila, mentres que o PSOE se reunía en Madrid para debater e aprobar o seu programa electoral.

O PP, despois de montar a liorta co tema da lingua, pasou por alto deste tema en Galiza, e centrou parte das súas intervencións no tema económico, onde segue a ofrecer unha e outra vez rebaixas de impostos. Máis aló de que non deixe de seguir sendo demagóxico andar sempre co tema de dicirlle á xente que vai pagar menos (cousa que por outra parte é un engano de ilusionista, toda vez que prometen rebaixar os impostos directos, é dicir, aqueles nos que cadaquén paga en función do que ten, co cal antes ou despois acabarán subindo os indirectos, que se ven menos pero repercuten de igual xeito en calquera clase social, é dicir, desta forma acabamos coa progresividade do sistema tributario e aumentamos as desigualdades), non deixa de ser tamén paradóxico que xusto onte, fronte á sede do PP en Madrid, houbese organizada unha protesta dun milleiro de veciños/as de Salamanca que protestaban por unha subida salvaxe (dun 33% nalgúns casos) dos impostos municipais, nun concello onde precisamente goberna o PP. Ou, tamén por exemplo, ollamos estes días o debate na vila de Coristanco, onde precisamente toda a oposición está a protestar por unha subida excesiva dos impostos municipais que pretende o goberno do PP. Non deixa de ser irónico. Por certo, unha vez máis, tamén en Galiza, atopou espazo no seu discurso para falar, como non, de terrorismo e ilegalización de partidos políticos. Hainos que non cambian.

Na xuntanza que o PSOE mantivo en Madrid, pois non deixa de haber tamén as súas peculiaridades. Por exemplo, unha das enmendas que seica fixeron algunhas deputadas ao programa foi a de solicitar que calquera modificación que se estableza na lexislación sobre o aborto contemple o dereito das mulleres a decidir. O paradóxico desta situación está en que, mentras outras forzas de esquerda como o BNG teñen isto moi claro e defendérono sempre, o PSOE non se aclara. Fai catro anos figuraba como compromiso electoral de Zapatero, o de aprobar unha lei de prazos, pero non se atreveron (quizais polas presións, non se sabe), e agora atópanse que deron un paso atrás e teñen que discutir se están a favor ou non. Pois vaia coas políticas progresistas do PSOE.

O BNG, pola súa banda, lanzou dúas mensaxes claras de cara ao 9 de marzo. Primeiramente, que despois desta data, e de cara ás negociacións para a elección de presidente, o BNG estará disposto a negociar o que faga falta, pero sempre poñendo sobre o debate Galiza. En palabras de Quintana: con Galiza, todo; sen Galiza, nada de nada.

Neste senso, destacou tamén o factor da negociación desenvolvida co PSOE nos últimos meses, nos cales o BNG conseguiu inversións e transferencia de competencias, e resaltou que o BNG é a forza que  menos deputados/as ten de Galiza, pero aínda así o presidente non negociou nin cos deputados/as galegos/as do PSOE nin cos do PP. Cos primeiros, porque abondaba con darlles ordes, e cos segundos porque non ían atender a razóns. Por iso, se queremos que alguén mire por Galiza só resta o voto BNG. 

E incidiu tamén Quintana nun aspecto interesante: moita xente pregúntase até o 9 de marzo quen será o vindeiro presidente, e durante a lexislatura interrógase que peso teñen e que están a facer por nós os deputados/as galegos/as.  Pois Quintana animou a cambiarmos de estratexia: darmos forza ao BNG para conseguirmos que a representación galega e que vai mirar polo país (isto é, a do BNG) sexa forte e así xa saberemos ben despois que poden facer por nós, independentemente de quen presida o goberno central.  

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in