Martes, 29 de xaneiro de 2008
A edición de Bergantiños de La Voz de Galicia agasállanos cun titular deses que, sen negar a súa veracidade ou non, son cuestionábeis, non tanto polo que din, como polo que deixan entrever.
O titular indica que o 90% da mocidade que sae en Carballo proba distintas drogas. Así, de primeiras, varias preguntas que acompañarían ou matizarían este titular:
a) E fóra de Carballo? A imaxe da vila capital de comarca xa non é excesivamente afortunada en moitas zonas do país, e xuntar acusacións de drogadicción en tan altas porcentaxes con Carballo, non é un grande favor.
b) E fóra do sector da mocidade? Está ben que se analice a situación da mocidade, pero a imaxe que se pretende deixar non é acaída. Máis se temos en conta que a análise conta como droga (o cal é certo, por outra parte) o alcol. E se analizamos o conxunto da sociedade, a cifra non será moi semellante?
O titular vén a conta dunha enquisa que organizou a Asociación Antidroga Vieiro, en varias fins de semana. Sen cuestionarmos para nada a certeza ou non dos datos obtidos (xa é cuestionábel o valor estatístico dunha enquisa con pouco máis dun cento de inquéritos), o que si deberiamos, ante titulares destes, é non caer na demagoxia e analizar a nosa realidade.
Poida que a nosa mocidade teña unha relación moi próxima co mundo das drogas, e nomeadamente co mundo do alcol, pero, e que acontece co mundo que lle rodea? A mocidade non é unha illa, é unha parte máis do noso mundo, da nosa sociedade, e é un reflexo dela.
Facer esta análise sen termos en conta que vivimos nunha época en que todo se festexa con alcol pode dar lugar a confusións. Ou que imaxe temos da vitoria? Pois a do campión subido no podio e cunha enorme botella de champaña. E que imaxe temos dunha festa elegante? Aos invitados brindando cun bo viño. E que imaxe temos dunha festa popular? Pois a “sesión vermouth”, a verbena (con barra de bar, por suposto).
E non deixa de ser hipócrita falarmos de mocidade e alcol sen analizarmos a presenza deste na sociedade en xeral. Por exemplo, o 90% dun grupo de apenas cen persoas mozas probaron o alcol, e se fixeramos esa mesma pregunta en calquera rúa de Carballo? E se preguntamos a un cento de persoas na rúa se na última semana probaron calquera tipo de droga (incluido o alcol), a porcentaxe non sería do 90%? Quen negaría ter tomado unha cervexa, un viño, unha copa na fin de semana, un vermouth na última verbena…
Este é o problema de concretar os estudos e análises: podemos orientar os resultados ou sacar conclusións que xa pretendiamos.

Xaneiro 30th, 2008 at 15:50
Acabo de descubrir o voso blog. Benvidos a internet…
Pois si, penso que xa vale de darnos a brasa á xente nova. Moito criminalizar o botellón, moito conto, e despois a realidade é a que é.