Martes, 26 de febreiro de 2008
As convicións democrácticas dalgún partido político ás veces poderían poñerse en cuestión. Hoxe, en plena campaña electoral, en resaca do primeiro cara a cara Rajoy-Zapatero, é un bo día para reflexionar sobre quen quere e quen non quere facerse oír, e sobre todo quen está disposto a oír.
O debate entre Zapatero e Rajoy é a culminación dun modelo que non podemos compartir, pois presupón a existencia de dúas únicas alternativas, cando isto non é así, e discrimina claramente ao resto de forzas que se presentan a estas eleccións. Cabería pensar e razoar que, ao igual que ocorre por exemplo na cámara, o tempo dispoñíbel a usar por cada intervinte dependese da actual representación, mais eliminar do debate a todas as forzas polítcas salvo PP e PSOE é algo indigno e pouco democrático. Reducir toda a variedade a dúas opcións é demasiado reducir.
Pero quizais hoxe tamén poidamos reflexionar sobre o medo que o PP ten ao debate. Era o primeiro debate entre candidatos en anos. O PP aceptou debater co PSOE cando eles eran os aspirantes, isto é, a última vez que Aznar estivo na oposición e, daquela, Felipe González no goberno. Tan pronto como chegaron ao poder, negáronse a ningunha clase de debate, nin no 2000 nin no 2004. Agora, que volven partir dende a oposición, volven aceptar o debate. Curiosa vara de medir.
Pero, aínda así, a cousa vai máis lonxe, e nin así o teñen de todo claro. En Galiza estaba previsto para mañá un debate a tres, entre os portavoces dos tres grandes partidos galegos (PP, PSOE e BNG), pero mira por onde ao PP volve entrarlle o medo escénico, e tiran por terra a posibilidade dun debate.
Ben, certamente non se negan ao debate, pero poñen tantas excusas que o acaban inviabilizando: que se non vale o escenario escollido, que se non vale o xornalista que ía moderar o debate, que se non aceptan que sexa emitido en directo (por que?)…
Triste imaxe a deste partido que se di demócrata pero despois non fai máis que poñer trabas á que é a verdadeira esencia da democracia: o contraste de pareceres e posturas. Aínda sen debate, a cidadanía pode e debe xulgar.
Comentarios Recentes