Venres, 22 de febreiro de 2008
O PP vén de presentar a súa campaña electoral cun lema ben curioso: “Con cabeza e corazón”. A curiosidade reside en que este lema non é novo, pero está mutilado. O lema orixinal é “Mano dura, cabeza y corazón”, e foi usado fai ben pouco por outro PP, o de Guatemala, aínda que as siglas alí significan Partido Patriota. O PP de Guatemala, que representaba ao sector máis á dereita nese país, non sabemos se será unha sorte de conxuro, perdeu eses comicios electorais. Velaquí vos deixamos un par de vídeos do Partido Patriota, para que vexades a quen aspira a semellarse o noso Partido Popular.
Pensará quen isto lea que somos uns mal pensados, que andamos sempre a buscarlle tres pes ao gato, e que se trata dunha simple casualidade. Nós tamén o pensamos así, pero hoxe, remexendo na blogoteca, resulta que non, que non é casualidade: o Partido Popular vén de fichar para a súa campaña electoral a Antonio Solá, un dos ideólogos da campaña guatemalteca e autor do lema orixinal.
Sen embargo, o Partido Popular decidiu aquí agochar a man dura, alomenos do lema, porque as súas últimas manifestacións públicas (petición da posibilidade de penas de cárcere a partir dos doce anos, proposta dun contrato para todos os inmigrantes que entren en España…) fan que a man dura non estea agochada máis que no lema, porque no fondo do corazón das xentes do PP segue estando moi presente.
A fichaxe do dereitista Solá para a campaña de imaxe de Rajoy tampouco é casual, pois segundo se conta hoxe na rede é un home do círculo da FAES que dirixe o ex-presidente José María Aznar, o cal xa explica moito, non só do lema, senón do camiño que segue a tomar o Partido Popular.
Solá non estivo só na campaña guatemalteca, senón que asesorou aos partidos da dereita noutros países como Perú, Colombia ou Arxentina, así como en México, onde participou da campaña do actual presidente Felipe Calderón, quen empregou nesta lemas como “Ciudadanos tras las rejas, delincuentes en la calle” ou “Mano firme, pasión por México”. Cando menos, hai que agradecerlle a esta xente que non agochan nadiña.

Comentarios Recentes