A Costa da Morte, por onde queda?

Está pasando Engadir comentarios

Mércores, 13 de febreiro de 2008

Se un turista chegase ás nosas terras e preguntase pola Costa da Morte, a resposta podería ser variábel segundo quen contestase e os intereses que tivese.  E é que andamos, nos últimos días, envoltos nunha polémica que ten moito de artificial e outro tanto de interesada.

A “liorta” escomezou fai un par de semanas, cando, nunha xuntanza de traballo do BNG da zona, o alcalde carballés e candidato ao Congreso, Evencio Ferrero, apostaba por afortalar e defender unha Costa da Morte forte, unha Costa da Morte “a 18″, isto é, incluíndo na área xeográfica as comarcas naturais de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais dos concellos de Mazaricos e Muros.  O alcalde carballés defendeu que o BNG aposta por un concepto integrador, que axude  a poñer en valor o territorio, atraer investimentos e xerar recursos.

Pero as respostas localistas non tardarían en chegar. O alcalde de Cee, o independente Ramón Vigo, saía pronto ao paso, dicindo algo así como que “que pintaba Carballo” na Costa da Morte, e tan só un par de días despois o alcalde de Vimianzo, o “socialista” Alejandro Rodríguez dicía que o seu homólogo ceense practicamente lle lera o pensamento, e que el pensaba igual.

Sen embargo, ao longo dos últimos días as opinións de varios expertos (historiadores e coñecedores do territorio) viñeron respaldar a tese integradora manifestada polo BNG, e incluso a proposta de ámbito sinalado para o Pacto Territorial polo Emprego (proposta feita polo conselleiro de traballo, do PSOE) sinala o mesmo territorio, sen que ningún concello teña manifestado o seu rexeitamento, alomenos de xeito formal, nin teña pedido a exclusión de ningún outro. Por certo, Carballo non só non foi excluido, senón que será a sede.

Á liorta tamén se suma Neria, quen semella que en realidade o que ven é mostrar o seu recelo ao nacemento do novo Consorcio de Turismo da Costa da Morte, que está a dar os seus primeiros pasos.

Na posta de longo do consorcio todos os alcaldes que saíron á palestra pública defenderon un concepto amplo, dende Ramón Varela (Malpica de Bergantiños, PSOE) até José Muiño (Cabana de Bergantiños, PP). Todos, salvo os “díscolos”, Ramón Vigo e Alejandro Rodríguez, que optaron por non aparecer por alí (destacábel o caso deste último, xa que era o anfitrión, toda vez que a xuntanza tiña lugar en Vimianzo).

En fin, é lamentábel que unha e outra vez andemos con disputas localistas que só serven para enredar en vez de decidirmos traballar todos xuntos por un futuro mellor. E se o Pacto Territorial polo Emprego é positivo, pois todos con el. E se o Consorcio de Turismo consegue atraer visitantes e inversións, pois tanto mellor. Pero sempre haberá quen non estea a gusto…

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in