Mércores, 27 de febreiro de 2008
Pois si, cando moitos confiabamos en vivirmos nun país normal, no que a súa lingua propia puidese ser usada con normalidade en todos os aspectos da vida cotiá, a realidade segue a darnos labazadas sen avisar, que terán de servir para espertarnos e facernos conscientes de que a loita pola normalidade do galego na súa propia terra terá que continuar.
Fai uns días A Mesa pola Normalización Lingüística publicou un informe no que se denunciaban os casos de varias empresas que desprezaran ou prohibiran o uso do galego por parte do persoal. Hoxe, Carrefour, unha das empresas sinaladas, ven de recoñecer o que se denunciara por parte da Mesa (un xefe de sección insultara a unha empregada coa lapidaria frase “burra, no hables lenguas menores”) e aclaran que xa deron instrucións ao seu encargado para que respectase aos traballadores/as e os seus dereitos.
Máis aló deste pequeno paso, que pode obedecer quizais á vontade da empresa de “limpar” a súa imaxe pública, a loita debe continuar, e seguimos a atopar mostras. A irmá de Miguel Ángel Blanco (concelleiro do PP asasinado pola ETA) vén de pronunciarse sobre o proxecto das galescolas que ten posto en marcha a Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Non entra en que se oferte un servizo que antes non existía, que a rede proposta sobarde as espectativas máis ambiciosas, non quere entender como natural que o galego sexa a lingua vehicular, e despáchase dicindo que as galescolas son berce do odio. Alá cadaquén, o feito de ser vítima do terrorismo non fai que todo o que un diga sexa máis certo nin máis ou menos barbaridade. Que veña esta muller dende Euskadi dicirnos isto, pois vaia…
Para rematar, recomendamos un artigo de Concha Rousia no que reflexiona sobre o súpeto interese dos monolingües en castelán por defender o bilingüismo na Galiza. Un artigo interesante e que pode axudarnos a reflexionar.

Comentarios Recentes