Hoxe comeza a campaña?

9-M Engadir comentarios

Xoves, 21 de febreiro de 2008

Segundo a lexislación electoral, nesta madrugada, ás 00.00 horas, comeza oficialmente a campaña electoral para as xerais do 9 de marzo. Sen embargo, é moi relativo: poida que oficialmente sexa así, pero na práctica os valados publicitarios levan meses anunciándonos candidatos e lemas, os partidos levan xa moitos quilómetros de actos públicos, e as propostas están sobre a mesa.

A estas alturas, e dicindo a historia que moi pouco acostuma moverse en intención de voto durante a campaña, todas as enquisas falan dun empate técnico que non se vai mover, e que fará que ningún dos grandes aspirantes ao goberno, PP e PSOE, vaian dispoñer de maioría absoluta.

Todo parece indicar, pois, que Zapatero terá que volver liderar o goberno, toda vez que o PP non ten ningún partido co que parece poida chegar a un acordo para a próxima lexislatura, e anúncianse catro novos anos de goberno en minoría, catro anos de diálogo político entre partidos.

Neses escenarios, calquera pode recordar o proveito que os cataláns (CiU primeiro, ERC despois) tiraron para a súa terra dos gobernos en minoría; tamén o PNV en menor medida durante  o primeiro mandato Aznar. Na actual tesitura, o BNG xa fixo valer en favor de Galiza a minoría do PSOE e a importancia dos votos galegos para conseguir máis de medio cento de millóns de euros en inversións extras e o compromiso de novas transferencias. Agardemos que o novo escenario poida volver facer importante o nacionalismo no Congreso, e que Galiza poida estar presente nese debate.

Ampliar imaxe 

 

En todo caso, a campaña está lanzada. O BNG é a única forza que, na nosa terra, está a publicitar aos seus candidatos e candidatas, mentres que PP e PSOE se lanzaron nunha sorte de campaña presidencialista, onde o único que semella importar é o grande líder (Rajoy ou Zapatero, segundo o caso) pero pouco ou nada sabemos das persoas que aspiran a representarnos (ao mellor é que non aspiran a representarnos a nós no Congreso, senón que só aspiran a representar aos seus partidos diante de nós).

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in