Martes, 19 de febreiro de 2008
Hoxe é, de certo, un día bastante completo no informativo, tanto no plano máis próximo como na actualidade do mundo, que vive momentos de certa convulsión. Xa que logo, unha breve reseña de algunhas cousiñas interesantes sobre as que botar un ollo na prensa do día.
Un alcalde fóra de si
Sempre se di que en política as formas son fundamentais, por iso é noticia cando algún perde as formas. O caso de hoxe é bastante significativo, porque non falamos dun calquera.
Xosé Crespo é alcalde de Lalín, un home de peso dentro do Partido Popular e até fai ben pouco presidente da FEGAMP, é dicir, representante da clase política local e do conxunto dos concellos do país. Por iso, por non ser Xosé Crespo un calquera, as súas palabras, nas que fala de meter cartas no cu e chimpar os dentes doutras persoas da clase política, son un claro exemplo do que non deben ser quen nos gobernan.
Onde estará a “Mesa por la libertad lingüística”?
A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer públicas arredor de corenta denuncias por discriminación por causa de lingua no noso país. Recóllense, nas denuncias, comentarios do tipo “Burra, no hables lenguas menores” e cousas polo estilo (literais).
En fin, ante este escenario, agardamos a presenza pública da Mesa por la Libertad Lingüística e de Galicia Bilingüe, que xa que din defender que neste noso país se poida falar en calquera das dúas linguas indistintamente, supoñemos que arestora estarán indignadísimos e non tardarán en saír aos medios. Ou quizais non?
Cosova e a resposta española
Falabamos onte da recente proclamación de independencia de Cosova, e de como o mundo semellaba dividido entre quen se propuñan aceptar o voto unánime do parlamento cosovar e quen, caso de Serbia ou Rusia, se opoñen frontalmente.
Neste escenario internacional, sorprende ver a postura española, quen, contrariamente á maioría de países da UE (como Francia, Italia ou Gran Bretaña) manifestou estar en contra da decisión cosovar. Quizais isto se deba, en grande medida, ao feito de estarmos en precampaña e ás relacións - analoxías que moita xente poida querer establecer coas reivindicacións galegas, vascas ou catalás.
De feito, é moi interesante o artigo que hoxe publica Vieiros, no que se recolle a valoración da prensa internacional sobre a postura española, na que semella que medio mundo interpreta o medo do goberno español desa maneira.
É triste que isto sexa así. Para nós polo menos, o voto unánime dun parlamento é unha expresión de democracia; pretender que a decisión de terceiros países poida valer máis que a decisión dun pobo cuestiona moi moito a forma en que, cando menos os antiimperialistas, pensamos que debe rexerxe o mundo. Por que non deixar que o pobo cosovar decida?
Vaise Fidel Castro
É e vai ser durante os vindeiros días portada en case toda a prensa mundial, así que tempo haberá para abordar causas e consecuencias.
Fidel Castro, despois de medio século no poder en Cuba, anuncia que renuncia á presidencia. Despois de intentos de asasinato e décadas de bloqueo internacional, tanto político como económico, só a súa débil saúde foi quen de apartalo do poder.
Sen dúbida, Cuba será, nos vindeiros anos, un escenario interesante no que se decidan moitas relacións internacionais. Haberá que presentar atención.

Comentarios Recentes