Urbano Lugrís, o pintor do mar

Xente da terra Comentar este artigo »

Xoves, 14 de febreiro de 2008

O país ten deixado personaxes que merecerían ocupar o seu lugar na historia do mundo, e sen dúbida, un deles debería ser Urbano Lugrís, o pintor do mar. No presente ano festexamos o centenario do seu nacemento, aínda que tamén é certo que non se sabe exactamente cal foi a data en que naceu.

Urbano Lugrís foi un home multidisciplinar, aínda que destacaría como pintor, e foi un activista cultural de máxima orde, especialmente nos tempos da II República, onde participou das chamadas Misións Pedagóxicas.

Nestas nosas terras de Bergantiños, é unha persoa moi vencellada á vila mariñeira de Malpica de Bergantiños, que pintou (sobre todo o seu mar) en numerosas ocasións, decorando a Casa do Pescador de Malpica e tamén dando nome ao seu centro de ensino secundario. Incluso, en 2002, constituise un colectivo co seu nome.

Urbano Lugrís, bohemio, artista, fillo doutro grande da historia galega como é o caso de Manuel Lugrís Freire, deixounos no ano 1973, mais fica unha magnífica obra digna de ver.

Chuza! Chuza!

A Costa da Morte, por onde queda?

Está pasando Comentar este artigo »

Mércores, 13 de febreiro de 2008

Se un turista chegase ás nosas terras e preguntase pola Costa da Morte, a resposta podería ser variábel segundo quen contestase e os intereses que tivese.  E é que andamos, nos últimos días, envoltos nunha polémica que ten moito de artificial e outro tanto de interesada.

A “liorta” escomezou fai un par de semanas, cando, nunha xuntanza de traballo do BNG da zona, o alcalde carballés e candidato ao Congreso, Evencio Ferrero, apostaba por afortalar e defender unha Costa da Morte forte, unha Costa da Morte “a 18″, isto é, incluíndo na área xeográfica as comarcas naturais de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais dos concellos de Mazaricos e Muros.  O alcalde carballés defendeu que o BNG aposta por un concepto integrador, que axude  a poñer en valor o territorio, atraer investimentos e xerar recursos.

Pero as respostas localistas non tardarían en chegar. O alcalde de Cee, o independente Ramón Vigo, saía pronto ao paso, dicindo algo así como que “que pintaba Carballo” na Costa da Morte, e tan só un par de días despois o alcalde de Vimianzo, o “socialista” Alejandro Rodríguez dicía que o seu homólogo ceense practicamente lle lera o pensamento, e que el pensaba igual.

Sen embargo, ao longo dos últimos días as opinións de varios expertos (historiadores e coñecedores do territorio) viñeron respaldar a tese integradora manifestada polo BNG, e incluso a proposta de ámbito sinalado para o Pacto Territorial polo Emprego (proposta feita polo conselleiro de traballo, do PSOE) sinala o mesmo territorio, sen que ningún concello teña manifestado o seu rexeitamento, alomenos de xeito formal, nin teña pedido a exclusión de ningún outro. Por certo, Carballo non só non foi excluido, senón que será a sede.

Á liorta tamén se suma Neria, quen semella que en realidade o que ven é mostrar o seu recelo ao nacemento do novo Consorcio de Turismo da Costa da Morte, que está a dar os seus primeiros pasos.

Na posta de longo do consorcio todos os alcaldes que saíron á palestra pública defenderon un concepto amplo, dende Ramón Varela (Malpica de Bergantiños, PSOE) até José Muiño (Cabana de Bergantiños, PP). Todos, salvo os “díscolos”, Ramón Vigo e Alejandro Rodríguez, que optaron por non aparecer por alí (destacábel o caso deste último, xa que era o anfitrión, toda vez que a xuntanza tiña lugar en Vimianzo).

En fin, é lamentábel que unha e outra vez andemos con disputas localistas que só serven para enredar en vez de decidirmos traballar todos xuntos por un futuro mellor. E se o Pacto Territorial polo Emprego é positivo, pois todos con el. E se o Consorcio de Turismo consegue atraer visitantes e inversións, pois tanto mellor. Pero sempre haberá quen non estea a gusto…

Chuza! Chuza!

O téxtil e a situación da clase traballadora

Está pasando Comentar este artigo »

Martes, 12 de febreiro de 2008

Hoxe recollen diversos medios na rede a noticia de que o sindicato nacionalista CIG vén de rexeitar o convenio do téxtil proposto, e quizais este sexa un momento tan bó coma calquera outro para reflexionarmos sobre o sector.

O téxtil segue a ser un sector de actividade que ocupa a un elevado número de persoas, nomeadamente mulleres, e con especial incidencia nalgunhas comarcas do país, entre elas Bergantiños. O “efecto Inditex” xerou novas oportunidades laborais, mais nos últimos tempos o medre semella estancado, e comezan a darse debates necesarios sobre as condicións laborais.

Así, dende a CIG rexeitan o convenio proposto, entre outras cousas por manter unha xornada laboral anual das máis altas recollidas en ningún dos sectores. Igualmente, reclámanse tamén maiores subidas salariais.

Ao respecto, é moi interesante a análise feita fai xa un tempo en Vieiros, que encabeza coa pregunta, quizais, clave: hai oportunidades para o téxtil sen precariedade?  Nos diferentes artigos, que recomendamos, analízase a cuestión salarial no téxtil galego, a importancia da cuestión do xénero, así como a importancia na economía galega e a actuación das administracións.

Chuza! Chuza!

Europa, que Europa?

Alén Miño Comentar este artigo »

Luns, 11 de febreiro de 2008

Vai xa para tres anos que en España se deu un debate sesgado e interesado: o debate sobre o referendo da Constitución Europea. Após eses tres anos e certos reveses, a “construción europea” avanza logo da aprobación en Francia do Tratado de Lisboa, aprobación certamente relevante se temos en conta que foi en grande medida o “non” francés o que paralizou o anterior intento.

O referendo do tratado constitucional serviu en España para moi pouco. A cidadanía non sabía en grande medida que era realmente o que votaba, e certamente o goberno tampouco puxo moito empeño en informar, até tal punto que incorreu nunha situación case delictiva: son os partidos políticos quen teñen que tentar inclinar o voto, nunca os gobernos, mais no caso dese tratado o goberno español investiu moitos fondos en pedir o “si”, pagando anuncios en prensa, contratando ao máis variopinto da sociedade para pedir o voto (por exemplo, Cruyf ou Butragueño), obviando en todo momento a posibilidade dun debate serio e a fondo sobre o tratado constitucional.

A ocasión serviu, entre outras cousas, para criminalizar ao nacionalismo galego, quen, consecuente cos seus principios, defendeu o “non” a un tratado deseñado dende a dereita, coa mirada posta no capital e cunha regulación de dereitos sociais moi nimia.  Sen embargo, fuxindo de debates e razóns, tanto PP como PSOE aproveitaron para dicir que o nacionalismo se opuña a Europa, sen entrar en máis matizacións: ou estás conmigo ou contra min.

Quizais non sexa ao nacionalismo a quen se lle poidan dar leccións neste senso. Moito antes de que existise o PP, moito antes de que se vislumbrase tal proceso, con Europa dividida en dous na segunda grande guerra mundial, o máximo expoñente do nacionalismo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, remataba a súa obra máis importante, o Sempre en Galiza, pedindo a constitución do que el daba en chamar “os Estados unidos de Europa”. O que acontece é que xa el entón, e nós agora, tiñamos moi claro que a construción europea non podía ser a calquera prezo nin facerse de calquera maneira, e dende logo ten que ser unha construción pensada para as persoas e os pobos, baseada na igualdade e na extensión dos dereitos da cidadanía.

Aquel referendo pasou en España sen pena nin gloria, e nin sequera a metade do censo acudiu a votar. O que en calquera democracia minimamente seria invalidaría a votación, aquí non significou nada, posto que o referendo non era vinculante, isto é, o goberno de turno ía poder acabar facendo o que quixera, e de feito xa o tiña decidido de antemán.

Pero, ao contrario que en España, noutros países a situación foi distinta. Houbo algúns que optaron directamente por non preguntarlle á cidadanía, o cal é máis que censurábel: pode aprobarse unha “constitución”, unha norma de carácter fundamental, sen referendo? Onde se produciron os referendos, houbo resultados dispares, pero houbo dous que paralizaron o proceso: os “non” de Holanda, primeiro, e, sobre todo, Francia, estancaron o proceso.

Pero os grandes ideólogos desta nova Europa neoliberal non ficaron contentos. Facendo apaños aquí e aló, deseñaron un novo tratado, o de Lisboa, e desta volta, curáronse en saúde.

O tratado é practicamente de idéntico contido ao que por aquel entón ficou na cuneta, pero desta volta aseguráronse de que saíse adiante. Se o problema estaba en Francia, pois sáltase o problema. O parlamento francés acaba de aprobar, sen consulta cidadá, este novo tratado. Consultar á cidadanía, para que? Para que nos diga que non?

É realmente moi triste a concepción que a clase política internacional ten da democracia. Semella que só lles interesa cando lles da a razón.

Chuza! Chuza!

Sobre a necesaria derrota do PP

9-M, Hoxe recomendamos... 1 Comentario »

Sábado, 09 de febreiro de 2008

Hoxe recomendamos un artigo de Dani Álvarez, e a quen xa temos recomendado, penso, noutras ocasións. Este rapaz nado na Galiza e actualmente residente en Euskadi reflexiona sobre un tema que para os nacionalistas é tamén de moito interese: a necesaria derrota electoral do PP.

As posturas políticas mantidas polo Partido Popular son antitéticas, non só coa nosa visión do mundo, senón en moitos casos cos máis elementais conceptos democráticos.

O artigo de Dani Álvarez reflexiona sobre as máis extremas posicións defendidas polo PP na última lexislatura, e tamén na anterior, na que ocuparon o goberno, e hai un artigo que quizais resume perfectamente o sentimento que poderíamos entresacar:

” Hai que derrotar ao partido que dixo que “votar a calquera que non sexa o PP será votar porque ETA volva ás institucións” (Aznar), ao que acusa a PNV, EA, BNG, ERC e PSOE de dar soporte a ETA, ao que sinalou que os gais son fillos de pais “hostís” e “alcólicos” (Aquilino Polaino), ao que enganou dicindo que o “colapso nas urxencias dos hospitais débese a que os inmigrantes descubriron a grandeza do sistema sanitario” (Cañete), que o 11-M fora obra de ETA e dunha conspiración policial controlada polos socialistas, aos que fixeron que os mortos votaran en Galiza, aos que dixeron que a política lingüística da Xunta era semellante á do franquismo (Núñez Feijoo), ou que o franquismo foi un tempo de “extrema placidez” (Mayor Oreja), que había armas de destrución masiva no Iraq…

En fin, como observades, unha retaíla de razóns para infrinxir unha dura derrota ao PP, unha derrota que só pode vir por un aumento de peso do nacionalismo, toda vez que o PSOE navega entre a indefinición e a loita por copar os espazos da dereita. Só o nacionalismo parece ser unha vía de profundamento nos dereitos sociais e na democracia durante a vindeira lexislatura.

Por outra parte, aproveitamos para recomendar unha visita á columna que no xornal Galicia-Hoxe ten o debuxante López, que nos ofrece unha visión diferente, en forma de viñetas, sobre a realidade do momento e, arestora, como non podía ser doutro xeito, desta campaña electoral. Totalmente recomendábel.

Chuza! Chuza!
Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación