Política e lealdade

Está pasando Engadir comentarios

Venres, 15 de febreiro de 2008

A política é unha arte complicada, principalmente porque é imprevisíbel. Cando un pensa que as forzas políticas están para recoller sensibilidades comúns, moitas veces a tenaz realidade insiste en levarnos ao contrario, a forzarnos a pensar que hai algo máis aló das ideas.

Vén de ser presentada unha moción de censura no Concello de Santa Comba, capital das terras do Xallas. O certo é que a situación neste concello se volveu complicada tralas últimas municipais. Fagamos un breve resumo: o PP foi a forza máis votada, pero perdeu a maioría absoluta despois de dezaseis anos de goberno monocor; o PSOE foi a forza menos votada, obtendo só dous edís sobre 17 posíbeis, e polo medio dúas formacións por libre propias da vila, Independentes por Santa Comba e Terra de Xallas.

Ningunha forza política quixo apoiar a continuidade de Toja Parajó na alcaldía, pero o pacto entre as outras tres forzas semellaba un imposíbel. Ao final, os votos dos tres partidos da “oposición” alzaron á alcaldía a Ucha Velo, candidato do PSOE, pero só un dos dous partidos independentes se integrou no goberno, que quedou en franca minoría (catro concelleiros/as sobre unha corporación de dezasete).

Os independentes de Miguel Pérez apoiaron a Ucha Velo, pero, digámolo así, fixeron a “puñeta” dende o primeiro día. En breve, Miguel Pérez converterase no terceiro alcalde de Santa Comba no breve período de un ano, contando unicamente con dous apoios da súa forza política (José Fernández Pazos e el propio), mais si coa inestimábel colaboración do PP, que arrima os seus sete votos no salón de plenos para desbancar ao actual alcalde.

Varias reflexións sobre a lealdade e a coherencia: Miguel Pérez, non foi sempre oposición e contrario ao PP? Non apoiou fai menos de un ano ao actual alcalde? O PP non dicía que debía gobernar sempre a forza máis votada? Como agora dan o seu apoio a quen apenas aporta dous votos no salón de plenos? Onde está a lealdade do propio Partido Popular, quen propiciou a partida do ex-alcalde e compañeiro para facer posíbel a moción de censura? Onde a lealdade do PP coa propia compañeira María José Ares Casal, que foi a única que tivo claro o principio do PP de que se había pacto, a alcaldía tería que ser para eles? Simplemente, quen no PP non podía entrar no pacto, quedou fóra.

E a actualidade das nosas terras tamén nos ofrece outro caso para reflexionarmos sobre a lealdade política. Falabamos fai uns días do revolto que andaba o patio no PSOE de Vimianzo, cunha asemblea que non estaba moi claro quen convocaba, cun alcalde cuestionado por algúns dos seus, e con dúbidas sobre por onde remataría saíndo a situación.

Pois ben, a asemblea do PSOE seica rematou en empate técnico, xa que se decidiu aprazar a decisión sobre o relevo interno, co que o único que se fai é prolongar a tensión. Pero, no consistorio,  semella quedar clara a maioría. Se había dúbidas sobre por onde rompería o goberno (se entre os partidarios do alcalde e o PP, ou o sector renovador do PSOE e o BNG), esta semana o alcalde destituía á portavoz do PSOE, Nieves Lema, co cal xa vai quedando claro quen manda e semella que o sector renovador dentro do PSOE vai ter que achantar.

Mais é paradigmática a situación, non só porque o alcalde vimiancés (esta semana envolto en diversas polémicas co BNG da comarca, coa súa propia deputada Marisol Soneira e co seu partido a nivel galego) decidise decapitar á súa portavoz e persoa que semellaba despuntar para optar ao relevo do veterano político, senón incluso máis polo feito de que os dous protagonistas principais, Alejandro Rodríguez e Nieves Lema son tío e sobriña. E é que en política xa non se respeta nin a familia… 

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in