Novo alcalde para Corcubión

Está pasando Comentar este artigo »

Luns, 31 de marzo de 2008

Rafa Mouzo, alcalde de Corcubión durante vinte e cinco anos, terá que deixar o seu posto. Un dos referentes do nacionalismo no país durante anos, que viña de recuperar o bastón de mando, ten que recuar por culpa da súa saúde.

Rafa Mouzo foi o primeiro alcalde democrático despois da ditadura na vila de Corcubión, aló polo ano 1979, cando concorreu ás eleccións polo Partido do Traballo de Galicia. Tres anos despois participaría na fundación do Bloque Nacionalista Galego, e por esta formación foi alcalde até 2003, renovando sucesivamente o goberno con maiorías absolutas. En 2003 unha formación independente, co apoio do PSOE (que vulnerou o pacto establecido a nivel nacional co BNG) arrebatoulle a alcaldía, a cal recuperaría tras as eleccións do 2007 apoiado pola única concelleira do PP.

O relevo será, semella, de urxencia, e poderíase producir esta semana. Despois de case un mes en que a popular Gema Freire ocupase a alcaldía ante a ausencia de Mouzo, todo indica que o nacionalista Óscar Ínsua, número dous da candidatura das municipais do BNG e actual edil de urbanismo, tomará o relevo.

Este relevo é canto máis significativo, pois abre unha renovación sintomática. A un dos alcaldes con máis traxectoria substitúeo o que pasará a converterse, aos seus 27 anos, no alcalde máis novo do país, rebasando deste xeito a Iván Puentes, o alcalde socialista de Fene.

Agardemos que o novo periplo para a vila de Corcubión sexa algo máis tranquilo que os últimos tempos, nos que se converteu en noticia por máis denuncias e cruces de acusacións do que por feitos concretos.

Todos os días son 25 de novembro

Hoxe recomendamos..., Mulleres 3 Comentarios »

Domingo, 30 de marzo de 2008

O 25 de novembro conmemórase mundialmente o día da non violencia contra as mulleres, pero acotío nos atopamos con razóns para reivindicar que ese día sexa todos os días. E é que a violencia, física, sicolóxica, no particular ou no colectivo, está presente a diario na nosa vida. Por iso, hoxe, 30 de marzo, chamamos tamén á non violencia sexista, en calquera dos seus formatos.

Esta reflexión, tan válida en calquera momento, vén hoxe a conto dun inquérito feito en Irlanda (pero quizais os resultados poderían ter sido semellantes en calquera outro lugar, xa que non é este un país que poidamos considerar subdesenvolto ou de baixa formación) que deixa datos arrepiantes.

Así, até un 30% da poboación á que se lle preguntou considera que a muller é quizais culpábel nun acto de violación. Algunhas das razóns que se esgrimen para manter afirmación tan brutal son nalgúns casos vergonzantes, xa que se consideran, por exemplo, o feito de ter tido varias parellas sentimentais ou o de levar roupa provocativa.  O triste é que a porcentaxe sobe aínda máis, até un 38%, se imos a aquelas persoas que consideran que a vítima é culpábel se transitou por unha zona remota ou deserta.

O lamentábel de todo isto é que a comparación de xénero é lapidaria. Culparía a sociedade a algún home por ter tido varias parellas, ou máis ben gabaría a súa sorte? Xulgaría alguén destemida e provocativa a vestimenta dun home, como para considerala incitante á agresión? E toda esa xente que considera á muller culpábel, que pensará da outra parte, do agresor? A enquisa non o di, e case preferimos non sabelo.

En fin, nun día que reflexionamos e reivindicamos á muller e a súa igualdade nunha sociedade que queira chamarse “do século XXI”, co significado que a iso quere dárselle, aproveitamos como despedida para recomendar un artigo ben interesante.

Rebeca Baceiredo reflexiona no portal Vieiros sobre a situación social da muller hoxe en día nun artigo que leva por título “O micropoder: I like your gun…!”, onde cun marcado toque irónico fala da importancia da imaxe e a silicona, do embarazo e o traballo, da violencia machista. En fin, deses temas tan falados pero que non por iso deixan de estar aí. En fin, boa lectura. Ler artigo.

Visitas a destempo e meteduras de zoca

Está pasando Comentar este artigo »

Venres, 28 de marzo de 2008

O PSOE leva unha semana dándolle voltas á Costa da Morte, e canto máis actúa, máis se equivoca.

Despois de máis de dous anos e medio de goberno galego, ningún conselleiro/a nin tampouco o propio Touriño visitaran oficialmente o Concello de Carballo.  Isto non é normal nin aceptábel, sendo como é Carballo unha vila dun importante peso poboacional no país e sendo como é cabeceira da Costa da Morte.

Pero mira por onde que, en tan só cinco días, deixáronse caer por acó tanto Touriño como a conselleira de Política Territorial, María José Caride. Non obstante, pouco ou nada en positivo sacamos disto. Volta a anunciar o que xa estaba anunciado (vía rápida até Baio) e a negarse a cumprir o prometido sobre a peaxe da autoestrada á Coruña. Aínda que é positivo e síntoma de normalidade democrática, para iso podían ter quedado en San Caetano.

As visitas semellan ter un elevado marcado carácter preelectoral, pois prodúcense a un ano vista das eleccións galegas (non viñeron escoitar as demandas da bisbarra e agora veñen vender promesas na fin do camiño) e co regusto dunhas eleccións xerais nas que o PSOE, por primeira vez en moitos anos conseguiu a vitoria en Carballo. Semellara que comezan a ver Carballo como graneiro de votos, e agora si lles interesamos. Mal van por aí…

Ao tempo, as visitas serviron para despertar unha vella e inútil disputa, pois o PP aproveitou para botarlle en cara a Touriño o incumprimento no levantamento da peaxe, cousa que non deixa de ser certa. Pero sendo certo non é quizais o PP quen deba falar disto, pois foron eles quen fixeron cargar á bisbarra con semellante lousa, facéndoa máis e máis grande co paso do tempo (non esquezamos que a concesión inicial foi logo prorrogada polo mesmo PP).

Esta semana tivo, ademais, outra mostra de lamentábel sectarismo por parte do PSOE. Argumentando un intento de racionalidade na prestación do servizo de emerxencias, anunciáronse cambios nas dotacións de Grupos Municipais de Intervención Rápida (GRUMIR).

Pero baixo tan loábel propósito (o da racionalidade) que compartimos, agóchase un trapallada sen medida. Reparen ben: en toda a Costa da Morte haberá tres dotacións da Grumir. Vale, correcto, pensaría calquera. Pois que os repartan ben polo territorio para que o servizo sexa o máis equilibrado posíbel. Pois vai ser que non.

A Consellería de Presidencia, en mans do PSOE, adxudica os tres GRUMIR a tres Concellos que están case pegados (Muxía, Camariñas e Vimianzo), mentras deixa toda unha comarca, a de Bergantiños, sen ningunha dotación. A maiores, usan o argumento da existencia de parques de bombeiros para retirar o GRUMIR que actualmente opera en Carballo, pero este criterio sáltano nos outros casos, pois todas esas vilas reciben servizo do parque de bombeiros de Cee.

O despropósito, con todo, non acaba aí. O peor é o caciquismo que se pode intuir detrás da proposta. Ninguén reparou en que curiosamente as tres vilas citadas teñen alcaldes do PSOE? Curiosamente, o BNG lidera os concellos de maior peso demográfico (Carballo, Zas) e o PP un maior número deles, pero casualmente todas as concesións caeron en mans de alcadías do PSOE. Nós non queremos pensar mal, pero quizais pensando mal acertariamos…

En fin. Unha semana para esquecer para o PSOE na Costa da Morte.

Miles de galegos/as, perigo público da noite para a mañá

Está pasando, O que hai que oír 1 Comentario »

Xoves, 27 de marzo de 2008

estreleira.jpg

Pois si, amigas e amigos. Por se non o sabiades, moitos e moitas de vós sodes, dende xa, sospeitos@s. Así, porque si. Ou mellor dito, porque semellades perigos@s.

Vén de desvelarse que nalgúns documentos internos da Garda Civil se recomenda vixiar e tomar nota de vehículos ou persoas que porten determinada simboloxía, entre esta o famoso GZ (que pulula en numerosos vehículos país adiante, van ter traballo), o escudo deseñado por Castelao co lema “denantes mortos que escravos” ou a bandeira galega con estrela. 

Así, de súpeto, todas as persoas que porten algún destes símbolos son consideradas dende xa perigosas polas forzas da orde. E vai máis aló, xa que se chega a afirmar que en Galiza está presente o segundo maior problema de terrorismo de España. Case nada, amigos e amigas: moito ollo co que agochades…

Resulta paradoxal esta circunstancia contrastándoa con outro feito que tivo lugar onte no Parlamento galego. Saiu adiante unha iniciativa do BNG que promove a eliminación dos nomes fascistas dos edificios públicos do país. A iniciativa saíu adiante mais, como era de agardar, outra volta o PP votou en contra.

Estes, xa que logo, son os verdadeiros demócratas. A quen se nega a retirar a Franco dos nosos rueiros nada lle pode pasar porque seica son os bos, eses trinta e sete deputados e deputadas que se negan a borrar o fascismo das nosas vidas agora semella que son a quinta esencia da democracia. No entanto, quen pensamos que outro mundo e outra Galiza é posíbel somos, dende xa, sabédeo, perigos@s.

Un novo alcalde inhabilitado

Está pasando Comentar este artigo »

Mércores, 26 de marzo de 2008

Non é o primeiro, nin será o último. Adolfo Campos, alcalde “popular” de Dozón vén de ser condenado a 9 anos de inhabilitación para cargo e emprego público por un delicto de prevaricación, o que significa emitir resolucións sabendo da súa inxustiza.

A sentenza provén dun longo conflito coa funcionaria Ana Lois Novaza, quen tivo “a ousadía” de presentarse ás eleccións municipais dese Concello polo BNG e posteriormente ás eleccións sindicais na CIG. Desde estes feitos (ano 1999), a funcionaria padeceu sete cambios de horario en oito meses, suspensión de emprego e soldo durante ano e medio e incluso o traslado do seu posto de traballo a unha sala incomunicada.

Da noticia, fanse eco todos os medios de comunicación nestes días, e reflicte unha forma de ocupar o poder que debería estar en vías de extinción. Moi ao contrario, o Partido Popular respaldou sempre a este alcalde e el propio onte dicía sentirse inocente, malia a que a esta sentenza a precederon xa 33 sentenzas en idéntico sentido. Agardemos que esta sexa a definitiva e Dozón poida pasar páxina.

Unha nova cita co libro

Axenda Comentar este artigo »

Luns, 24 de marzo de 2008

Fai xa algúns meses que o Concello de Carballo ten posto a andar unha interesante iniciativa e que non fora obxecto de comento nesta web. Falamos de literactúa, unha actividade que consiste en que cada mes se propón a lectura dun libro, e o último mércores de mes o autor do libro proposto participa nun encontro con aquelas persoas que lles apeteza conversar sobre o libro en concreto ou sobre a literatura en xeral. 

 A iniciativa é interesante por varios motivos, non só por promover un san exercicio como é a lectura, senón por pretender sacalo dos tradicionais espazos e levalo a lugares máis comúns ou máis frecuentados, como son os locais de hostelaría. Igualmente, porque permiten outro relación, máis directa, máis persoal, co mundo do libro, que colle así outra nova vida, permitíndonos coñecelo máis a fondo.

Para este mes a obra recomendada é Os ollos de K, de Antón Riveiro Coello, e o encontro co autor será este mércores, ás 20.30 horas, na Taberna-Café O Patacón. Antes, xa pasaron por Carballo Iolanda Zúñiga, Anxos Sumai, Carlos Meixide, Manuel Rivas, Séchu Sende, María Reimóndez, Suso de Toro, Uxía Casal, Francisco Castro, Teresa Moure e Diego Ameixeiras.

As propostas, por certo, son por trimestres. Este é o último libro dos tres propostos para o comezo de ano. Quen non chegarades a tempo, estade atentos/as porque en breve se coñecerán os títulos para o segundo trimestre do ano. Botádelle un ollo aos libros, e a literactuar.

Fútbol, espectáctulo, triste espectáculo

Está pasando, O que hai que oír Comentar este artigo »

Sábado, 22 de marzo de 2008

Aínda nunca se comentara neste blogue nada que tivera a ver co “deporte rei”, porque non é esa a súa finalidade, mais hoxe vainos servir para algunha que outra reflexión. Aínda que con tardanza, isto vén a conto do acontecido o sábado pasado en Sevilla, no encontro entre Betis e Athletic de Bilbao. Primeiro un vídeo resumo do acontecido, despois as reflexións.

1. Das moitas imaxes lamentábeis deste vídeo, posibelmente unha das máis desagradábeis sexa a dos berros do comezo, non polos berros en si, senón pola presenza de nenos e nenas nas primeiras filas. Os “adultos” alí presentes, que queren aprenderlles aos seus fillos e fillas? 

2. Que caste de sociedade estamos a xerar? Como é posíbel o insulto tan desmedido a xente á que non se coñece de nada (neste caso, os xogadores do Bilbao)?

3. Cal é a conclusión política que podemos tirar de todo esto tendo en conta as claras acusacións de terroristas sen saber nada da ideoloxía dos xogadores? De verdade podemos pensar que para nada inflúe a actitude da nosa clase política, nomeadamente do PP?

4. Como pode un representante do Betis dicir que eles son os perxudicados, despois dunha agresión tan estúpida e de varios centos de afeccionados verdebrancos insultando a uns xogadores dos que coñecen pouco ou nada?

5. Cal é o verdadeiro papel dos medios de comunicación na nosa sociedade? Todos os medios se fixeron eco da agresión, e louvaron que a propia afección do Betis retivera a quen lanzou o obxecto, pero pouco ou nada din de todo o demais. Non é iso dar unha cobertura indebida?

6. E se o “lanzador de botella” non tivese acertado, tería pasado algo? De verdade a nosa capacidade de escándalo depende de que o energúmeno de turno apunte ben ou mal?

Concluímos estas reflexións desordenadas convidando a unha verdadeira e serea reflexión a quen de verdade proceda: os clubes, a inmensa maioría deles, están a alimentar a estes grupos ultra, e iso é xogar con lume. Despois pasa o que pasa. Sentidiño, o deporte non pode ser este espectáculo.

O Patrimonio

Está pasando Comentar este artigo »

Venres, 21 de marzo de 2008

A asociación Ponte Nas … Ondas! vén de relanzar a iniciativa de converter o Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués en patrimonio inmaterial da humanidade, despois de non o ter conseguido á primeira.

Sinalan dende a asociación que “a excepcionalidade desta candidatura reside no feito de ser testemuña dun pasado e dun presente que ultrapasa as barreiras políticas, a través do sentimento de pertenza a unha cultura común posta en causa por algúns ditames da historia e polas transformacións da sociedade contemporánea, que a experiencia de novos contactos reavivou e esixiu a salvagarda.”

Dende aquí, queremos manifestar o noso máis profundo apoio a esta iniciativa, e reclamarmos, unha vez máis, a evidencia histórica dun pasado común do que non podemos menos que sentírmonos orgullosos, pois explica a axudar o que hoxe somos.

Velaquí o vídeo desta nova campaña:

O dito, dádevos unha volta pola páxina web que teñen para axudar a esta iniciativa e deixade o voso apoio en forma de sinatura e comentario. Porque o patrimonio galego-portugués é de todos e todas, e a todos e todas nos corresponde preservalo e defendelo.

Lectura para a fin de semana

Hoxe recomendamos... Comentar este artigo »

Xoves, 20 de marzo de 2008

Comeza unha longa fin de semana, e como doutras veces, aproveitamos para recomendar algunhas lecturas breves pero que poden ser do voso interese sobre temas do máis variado. Boa lectura.

Palabra de Aznar, un artigo de Fernán Vello sobre as afirmacións do ex-presidente do goberno do Estado, en que este viña a reafirmarse na decisión de invadir Iraque.  Ollo tamén ás declaracións de Bush.

Ramón Vilar, pola súa conta, reflexiona sobre a caída do boom inmobiliario, as súa causas e a realidade actual do sector, dunha forma clara pero contundente. 

Henrique del Río aborda, pasadas as eleccións xerais, o complicado tema do voto emigrante. Sobre as eleccións, Manuel Cao lévanos ao tema da economía.

O dito, boa lectura.

Séchu Sende

Xente na rede 1 Comentario »

Mércores, 19 de marzo de 2008

A conto da convocatoria do IV Premio a artigo xornalísticos normalizadores por parte do Concello de Carballo, acourdounos a figura dun galego especial, o amigo Séchu Sende, un dos gañadores do pasado ano e que ademais pasou polo Concello de Carballo para presentar e dialogar cos lectores sobre a súa última obra narrativa, o Made in Galiza.

Xosé Luis González Sende, máis coñecido como Séchu Sende, é un deses galegos particulares, un animoso defensor da lingua galega, e participante en diversas iniciativas a prol do idioma, xa sexa dando conferencias, xa sexa artellando actividades do máis diverso, tamén desde a súa faceta de escritor.

O Made in Galiza é un libro moi recomendábel, breve, ameno, formado por varias ducias de contiños moi curtos que son un auténtico manual de sociolingüística.  Cada un dos seus contos, en apenas unha ou dúas páxinas, axúdanos a reflexionar, aportando moita lucidez, sobre a situación da lingua en tal ou cal situación da vida cotiá. De verdade que volo recomendamos.

Made in Galiza é, ademais, o nome que ten na rede o blogue do propio Séchu, o cal vos animamos a visitar. Xa avisamos que é un espazo particular, representativo da figura deste autor, mais bastante interesante. Deixádevos guiar pola curiosidade e botádelle un ollo a fondo, hai máis do que semella.

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in