Martes, 11 de marzo de 2008
Onte, resaca electoral, analizabamos os resultados electorais do domingo en clave de país, e abordamos, pensando nas eleccións galegas do vindeiro ano, a cuestión das tendencias. Hoxe, a prensa local detense polo miúdo e as mesmas tendencias poden observarse claramente na comarca.
En xeral, na Costa da Morte o PP mantense como a forza máis votada, pero cede no conxunto da Costa da Morte máis de tres mil votos. No mesmo escenario, o BNG é a forza que manifesta o auxe máis importante, con máis de 1600 novas papeletas, mentras que o PSOE recupera unhas 1300, aproximadamente.
Pero hai datos concretos que merecen ser comentados, e que tamén poden axudar a comprender o momento en que vivimos. Por exemplo, é moi significativo que o BNG, aínda que de forma moderada, foi quen de sumar máis votos que nas pasadas eleccións (2004) nos sete concellos da comarca de Bergantiños, e en xeral mellorou notabelmente nas vilas onde manexa a alcaldía, especialmente en Zas, pero tamén en Carballo e Corcubión, o que pode interpretarse como un respaldo á súa acción de goberno.
O PSOE obtén por primeira vez a vitoria en Carballo despois de quince anos (a última databa de 1993). Porén, é significativa a contundente derrota sufrida polo PSOE en Cerceda, onde goberna con amplísima maioría (9 de 13 concelleiros/as), e o forte descenso en Vimianzo, onde o partido está sumido nunha crise interna, o que beneficiou a PP e BNG, que obtiveron uns moi bos resultados na capital de Soneira.
O PP mantense como a forza máis votada, e valora como moi positivos os seus resultados en Santa Comba (onde acaba de apoiar unha moción de censura) e Vimianzo, pero sufriu algúns varapaus cos que non contaba, como a derrota en Fisterra, onde gobernan cunha folgada maioría absoluta.
En fin, que a Costa da Morte segue a tendencia do país, e semella que o cambio galego, que o xiro á esquerda, continúa suave pero imparábel. Veremos se é así.

Comentarios Recentes