Sábado, 08 de marzo de 2008
Ben, quedan unhas últimas horas para reflexionar sobre que facer na data de mañá, se votar, non votar, se votar como galegos/as, se votar con cabeza e corazón ou se votar con todas as forzas.
En todo caso, estas foron as primeiras eleccións que se viviron desde esta humilde web, que abriu unha ventá específica a través da sección 9-M. Quizais, para esta xornada de reflexión, o mellor que poidamos facer sexa recomendarvos unha visita a esta sección e repasardes o que deron de si estes últimos días.
A campaña tivo algo de todo, por fin houbo debates, vivimos o aproveitamento da infancia, coñecemos a historia completa do “Mano dura, cabeza y corazón” do PP (Partido Patriota), vimos alternativas minoritarias e algunhas certamente rancias e comprendemos a importancia do voto para unha vida feliz.
A campaña viuse truncada, a poucas horas do seu remate, por un atentado imperdoábel. Dende aquí, animamos a toda a xente a manifestar a súa repulsa exercendo como cidadáns e cidadás, manifestando o seu parecer nas urnas, e facéndoo tal como fariamos se ETA non tivese aparecido. Iso é o mellor que podemos facer, non deixar que decidan por nós.
O luns xa botaremos un ollo ao que deu de si o 9-M, hoxe, polo de pronto, toca reflexionar. Boa lectura.

Comentarios Recentes