Luns, 10 de marzo de 2008
Van aló xa máis de tres décadas, pero a clase obreira non pode esquecer. O franquismo estaba nos seus estertores, e as reivindicacións comezaban a tomar a rúa. Após unha década de auxe, 1972 foi un ano de loita intensa, con sucesivas folgas en Ferrol, Vigo e outros puntos do país en defensa da liberdade.
Neste escenario, en Ferrol, tiveron lugar os feitos que hoxe merece que lembremos. Tal data como hoxe, 10 de marzo, no escenario das manifestacións obreiras en busca dun cambio, dunha ruptura co sistema franquista, dous operarios de Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla perderon a vida pola represión policial, mentras outro medio cento de persoas resultaban feridas.
Como dixo o poeta, mataron a Amador e Daniel, mais eles deixaron semente de vencer. As mobilizacións continuaron, o réxime morrería co seu fundador e a democracia chegaría. Hoxe, trinta e seis anos despois, é hora para o recordo, pero tamén para continuar na loita, porque moitas das reivindicacións de entón (o dereito a unhas condicións de traballo e a un salario dignos) seguen sendo precisas aínda hoxe.
O día 10 de marzo foi “institucionalizado” polo Parlamento galego, por acordo unánime en 1997, como Día da Clase Obreira Galega (a data xa viña sendo reivindicada como tal), pero esa institucionalización non ten que ocultar o seu verdadeiro carácter, o da mobilización, o da toma de consciencia da clase obreira, o de comprendermos que para mudar o mundo temos que loitar. Por vós, Amador e Daniel, a loita terá que continuar!

Comentarios Recentes