Distendendo

O que hai que oír Engadir comentarios

Mércores, 12 de marzo de 2008

Son xa demasiados días dándolle voltas ao tema das eleccións, e ao mellor é cousa de tomar un pouco de aire e cambiar un algo de tema. Así que hoxe aproveitamos para botar un ollo a algunhas cousas que circulan pola rede e que dan que pensar sobre o que somos e se de verdade o ser humano pode ser considerado un animal racional.

Por exemplo, o “suceso” de Guillermo Vargas que decidiu montar unha “obra de arte” consistente en atar nunha corda un can que recolleu na rúa, expoñelo, e deixalo morrer de inanición, sen darlle nada de comer, mentres fronte a el se podía ver a frase “Eres lo que lees” escrita con comida para cans.

O declive do animal e a súa posterior morte, que estivo “exposta” ao público na Bienal Centroamericana de Arte do 2007, foi observada de forma impasíbel polo creador e o público que por alí pasou, sen que ninguén obxectase nada á morte absurda e innecesaria do animal. E non só iso, senón que os organizadores da bienal volveron convidalo a facer a mesma exposición. Non ten sentido ningún. Podedes ver varios vídeos na rede, aquí quédavos un, e estanse a recoller sinaturas para impedir que se repita o experimento.

Tamén é para reflexionar o caso dun axente de viaxes que vén de ser censurado case sen el sabelo. Steve Marshall tiña varias páxinas webs promocionando viaxes a Cuba. De repente, todas as súas páxinas foron censuradas e pechadas por orde dos EEUU. O máis lamentábel do caso é que desapareceu, xa non o dereito á liberdade de expresión (as páxinas web só falaban de turismo) senón incluso á presunción de inocencia e a un xuízo xusto con dereito a defensa, xa que as páxinas web foron pechadas sen darlle nin o máis mínimo aviso ao seu titular. Exemplo claro e triste da democracia en que queren que vivamos.

Outra nova interesante destes días, para a reflexión, son as manifestacións do Papa Bieito XVI, que no xornal L’Observatore Romano (o xornal do Vaticano) vén de facer pública unha nova listaxe de pecados. Xa non abonda coa ira, a gula ou a luxuria, había que actualizar a lista de pecados aos mundos modernos. Dende agora, é pecado a contaminación ambiental (podemos estar de acordo, haberá que analizar en que medida, porque todos contaminamos), a participación en experimentos científicos e ensaios xenéticos, e incluso o consumo de droga.

Con isto, e tendo en conta a vida humana, somos para a igrexa todos e todas pecadores? Tamén o é calquera cura de aldea ao coller o coche, xa que iso contamina? E ao beber viño de misa (non esquezamos que o alcol tamén é unha droga segundo a Organización Mundial da Saúde)? Dende logo, que ben nos ven a Igrexa católica que sempre nos dá que falar.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in