Mércores, 05 de marzo de 2008
Levamos uns días enleados sobre a condición de galego/a e quen aspira a representarnos en Madrid nestas eleccións.
O PP, na súa propaganda electoral, aproveita a orixe galega de Rajoy para pedirnos un galego na Moncloa. Un galego especial, iso si, porque para alén da defensa ou non do bilingüismo, nin na súa época como presidente da deputación pontevedresa, nin na súa época como vicepresidente da Xunta de Galicia usou nunca xamais a lingua deste país. Mesmo esta semana, no debate con Zapatero, só mencionou de refilón unha vez Galiza, e foi para dicir que o castelán aquí corría perigo… Pódese presumir de galego e ignorar totalmente a súa lingua? Nin Fraga (ministro da ditadura e por tanto defensor no seu tempo da prohibición das linguas distintas do castelán) se atreveu a tanto en democracia. Mal camiño leva o “galego” Rajoy.
No PSOE, César Antonio Molina, ministro de cultura saínte e cabeza de lista pola Coruña, veu dicirlle ao BNG que xa había galegos/as en Madrid, e incluso no consello de ministros. En puridade, el tampouco poderá presumir de ser o primeiro, outros houbo antes, entre eles o propio Rajoy. E o que é por acó, a este home pouco se lle coñecía, nin como galego nin como outra cousa. Pero se cadra é certo que aspira a representarnos.
Mentras, o BNG, aproveitando o rebufo dun anuncio moi popular, anímanos a “votar como galeg@s”, recordando que até que Paco Rodríguez chegou ao Congreso o nome do noso país non se pronunciou naquelas tribunas.
Sexa como for, esta foi unha semana de debates. Foi a semana do debate Zapatero-Rajoy, e tamén era a semana prevista para os debates dos cabezas de cartel das tres forzas nas distintas provincias galegas. Era, porque moitos cabezas de cartel renegaron do debate. Nin o “galego” César Antonio Molina (PSOE), nin Pepiño Blanco e Elena Espinosa (tamén PSOE), nin a ex-ministra popular Ana Pastor aceptaron o convite da TVG. Un novo paso atrás.
Das cousas curiosas que atopamos estes días na rede, atopamos un artigo dun militar na reserva que, sen ser galego, pide o voto para o BNG. Un caso peculiar. Tamén é interesante o artigo de Marcelino Fernández Mallo no que reflexiona sobre o voto galego e as distintas alternativas. Boa lectura.

Comentarios Recentes