E pecharemos a porta ao pasado dunha vez?

Está pasando Engadir comentarios

Luns, 17 de marzo de 2008

Algunha xente puido pensar que coa aprobación da tímida lei sobre a memoria histórica pasariamos, por fin, páxina, e o franquismo, a ditadura, desaparecería das nosas vidas, e poderiamos comezar dunha vez a crer que vivimos nun Estado que cre e acredita na democracia.

Sen embargo, a realidade bate forte nos nosos fuciños. Onte a prensa local recollía unha denuncia do BNG na que se manifestaba que na restauración que acometeu o Concello de Coristanco no Río do Canal se procedeu á conservación e repintado do xugo e as frechas, símbolo claro dun pasado non tan lonxano. Mentres a lei da memoria histórica da un prazo para a eliminación dos vestixios do franquismo, os gobernantes de Coristanco tiran polo camiño contrario e sacan brillo ás máis escuras lembranzas.

Lamentabelmente, a actitude dos gobernantes “populares” de Coristanco non é única, posto que outro caso moi sonado é o da Laracha. Nesta vila, a pesar das moitas mocións que se teñen presentando pedindo cambios, o goberno local (PP) insiste en manter como nomes das rúas moitísimos altos cargos da ditadura, atopándose o caso máis lamentábel e significativo no propio edificio municipal. O Concello da Laracha, ente que representa a toda a veciñanza e ao poder democrático local, ten a súa residencia na Praza do Xeneralísimo. Aí é nada.

En fin, que máis que a aprobación dunha lei, lamentabelmente, o paso adiante terá que vir dado pola retirada da vida pública dun bo número de persoas que constitúen unha rémora do pasado máis do que unha oportunidade de futuro.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in