Xoves, 13 de marzo de 2008
Abondo deron de si as eleccións, e é hora de ir pechando a sección. Estes días estamos cos últimos retazos de campaña, agora a contas do reconto do voto emigrante. Neste senso, e sendo xa improbábeis as variacións en Galiza, o máis destacábel veu pola perda dun escano de CiU, escano que recuperou o Partido Popular, aínda que este dato para nada vai alterar o escenario a nivel electoral.
Para rematar, cumpría ao mellor facer unha reflexión sobre a lei electoral. Tense dito en moitas ocasións que o sistema electoral beneficiaba aos partidos nacionalistas, en detrimento doutras forzas que se presentaban en todo o Estado, como IU. E decote había queixas polo que de particular ten a Lei D’Hont, que é a que regula a forma de repartir os escanos.
Nestes días pululan pola rede diversos estudos que analizan cales terían sido os resultados se, co mesmo número de votos, tivesemos unha circunscrición única (e non 52, como na actualidade) ou incluso un reparto de escanos proporcional e non a través da Lei D’Hont.
Nunha web española atopámonos cunha extrapolación dos datos a unha circunscrición única, e vemos a primeira grande falacia. Os partidos nacionalistas apenas experimentan variación, xa que mentres o PNV perdería dous escanos, pola contra CiU mantería resultados e incluso BNG e ERC gañarían un escano. Pola contra, si queda plasmado de forma evidente como os dous grandes partidos saen beneficiados a costa de IU, xa que cunha circunscrición única, o PSOE perdería oito escanos e o PP seis, a maioría dos cales irían para a citada coalición. Esa é a verdadeira clave de que nunca se chegue a reformar en España a lei electoral: os grandes beneficiados son os dous partidos maioritarios, que co 83% dos votos obteñen o 92% da representación.
No blogue O Reverso podemos ollar este mesmo cálculo ou outro baseado nunha circunscrición intermedia, pero tamén é interesante a outra extrapolación que fai, cambiando a Lei D’Hont por un reparto de escanos baseado no método proporcional. A sangría de deputados/as que perderían os dous grandes é aínda maior.
Así que, amigos e amigas, xa podemos adiantar que non haberá reformas da lei electoral. Quen controlan o 92% do novo Congreso dos Deputados teñen moi claro que así lles vai moi ben.
Para pechar esta sección, deixámosvos uns vídeos coa valoración dos líderes dos tres grandes partidos galegos sobre os resultados electorais. Como comprobaredes, coma case sempre, ninguén perdeu.

Comentarios Recentes