Sábado, 22 de marzo de 2008
Aínda nunca se comentara neste blogue nada que tivera a ver co “deporte rei”, porque non é esa a súa finalidade, mais hoxe vainos servir para algunha que outra reflexión. Aínda que con tardanza, isto vén a conto do acontecido o sábado pasado en Sevilla, no encontro entre Betis e Athletic de Bilbao. Primeiro un vídeo resumo do acontecido, despois as reflexións.
1. Das moitas imaxes lamentábeis deste vídeo, posibelmente unha das máis desagradábeis sexa a dos berros do comezo, non polos berros en si, senón pola presenza de nenos e nenas nas primeiras filas. Os “adultos” alí presentes, que queren aprenderlles aos seus fillos e fillas?
2. Que caste de sociedade estamos a xerar? Como é posíbel o insulto tan desmedido a xente á que non se coñece de nada (neste caso, os xogadores do Bilbao)?
3. Cal é a conclusión política que podemos tirar de todo esto tendo en conta as claras acusacións de terroristas sen saber nada da ideoloxía dos xogadores? De verdade podemos pensar que para nada inflúe a actitude da nosa clase política, nomeadamente do PP?
4. Como pode un representante do Betis dicir que eles son os perxudicados, despois dunha agresión tan estúpida e de varios centos de afeccionados verdebrancos insultando a uns xogadores dos que coñecen pouco ou nada?
5. Cal é o verdadeiro papel dos medios de comunicación na nosa sociedade? Todos os medios se fixeron eco da agresión, e louvaron que a propia afección do Betis retivera a quen lanzou o obxecto, pero pouco ou nada din de todo o demais. Non é iso dar unha cobertura indebida?
6. E se o “lanzador de botella” non tivese acertado, tería pasado algo? De verdade a nosa capacidade de escándalo depende de que o energúmeno de turno apunte ben ou mal?
Concluímos estas reflexións desordenadas convidando a unha verdadeira e serea reflexión a quen de verdade proceda: os clubes, a inmensa maioría deles, están a alimentar a estes grupos ultra, e iso é xogar con lume. Despois pasa o que pasa. Sentidiño, o deporte non pode ser este espectáculo.

Comentarios Recentes