Luns, 31 de marzo de 2008
Rafa Mouzo, alcalde de Corcubión durante vinte e cinco anos, terá que deixar o seu posto. Un dos referentes do nacionalismo no país durante anos, que viña de recuperar o bastón de mando, ten que recuar por culpa da súa saúde.
Rafa Mouzo foi o primeiro alcalde democrático despois da ditadura na vila de Corcubión, aló polo ano 1979, cando concorreu ás eleccións polo Partido do Traballo de Galicia. Tres anos despois participaría na fundación do Bloque Nacionalista Galego, e por esta formación foi alcalde até 2003, renovando sucesivamente o goberno con maiorías absolutas. En 2003 unha formación independente, co apoio do PSOE (que vulnerou o pacto establecido a nivel nacional co BNG) arrebatoulle a alcaldía, a cal recuperaría tras as eleccións do 2007 apoiado pola única concelleira do PP.
O relevo será, semella, de urxencia, e poderíase producir esta semana. Despois de case un mes en que a popular Gema Freire ocupase a alcaldía ante a ausencia de Mouzo, todo indica que o nacionalista Óscar Ínsua, número dous da candidatura das municipais do BNG e actual edil de urbanismo, tomará o relevo.
Este relevo é canto máis significativo, pois abre unha renovación sintomática. A un dos alcaldes con máis traxectoria substitúeo o que pasará a converterse, aos seus 27 anos, no alcalde máis novo do país, rebasando deste xeito a Iván Puentes, o alcalde socialista de Fene.
Agardemos que o novo periplo para a vila de Corcubión sexa algo máis tranquilo que os últimos tempos, nos que se converteu en noticia por máis denuncias e cruces de acusacións do que por feitos concretos.

Comentarios Recentes