Luns, 10 de marzo de 2008
O “galego” Rajoy non visitará, cando menos para quedarse, o Palacio da Moncloa. Practicamente pechado o reconto das eleccións xerais, varias cousas semellan claras:
1) O plantexamento mediático da campaña favoreceu sobremaneira o bipartidismo. A excesiva importancia dada dende todos os medios de comunicación ao debate, os previos e as postrimerías, aínda recoñecendo todo o mundo o inútil dos dous debates Zapatero-Rajoy, polarizou aínda máis o voto entre PP e PSOE. A esta tendencia só sobreviviu o BNG, que mantivo representación (2 deputados/as), para alén de Rosa Díez, que debutada e obtén unha acta (a súa), mentras todas as demais forzas sufrían caídas de diversa consideración.
2) O PP mantense, en vano. A súa subida de votos é inútil, pois non ten opcións reais de chegar a gobernar.
3) A vitoria do PSOE foino a costa dos seus aliados anteriores, aos que “enguliu” electoralmente, collendo cinco deputados/as a ERC en Cataluña e facendo case desaparecer a IU. Con este escenario, o PSOE mellora a súa posición absoluta, pero non tanto a relativa, toda vez que as forzas que votaron a súa investidura fai catro anos non lle serven agora para saír electo, o cal lle obrigará a buscar outros apoios.
4) Os augurios do BNG cumpríronse, toda vez que se consumou a ausencia de maiorías absolutas e a posición relativa do BNG vai ser agora determinante en Madrid, toda vez que o PSOE precisa apoios máis aló dos que xa tiña.
Quedan días e días para facer cábalas, mais semella que pode ser unha lexislatura interesante para o país, haberá que agardar a ver que acontece. Dende logo, o mapa electoral galego ofrece poucas variacións en canto a representantes electos (Galiza terá desta volta un deputado menos nas Cortes, e iso é todo o que perde o PP, máis nada), pero si ofrece datos interesantes sobre tendencias de voto, que a bo seguro serán analizadas de cara ás inminentes eleccións galegas.

O Partido Popular mantense como a forza máis votada, pero cede tres puntos porcentuais en intención de voto, confirmando a súa tendencia á baixa. As forzas do bipartito recuperan esa mesma distancia, en maior medida o PSdeG, que aproveita que estas eleccións lle son máis favorábeis e o factor mediático. O BNG, pola súa banda, confirma a recuperación, frea a caída, e non só mantén a representación senón que o fai mellorando o número de votos obtidos a pesar do aumento da abstención.
Con isto, malia todo, semella que no horizonte aproximado dun ano, se vislumbran unhas eleccións galegas abertas e onde aínda pode pasar de todo.
Comentarios Recentes