De natural tendemos á benevolencia, a pensar que a xente, cando di as cousas, as di de corazón, tal e como as sinte, porque cre que iso axudará a mellorar a situación.
Por iso, cando hoxe lemos na prensa que Alberto Núñez Feijoo vén de manifestar que non hai nada máis urxente que a reforma do voto emigrante, pensamos que quizais teña razón. Que o feito de que algunhas persoas enviaran, dende o estranxeiro, votos acompañados do certificado de defunción do suposto votante, debería dar que pensar. Que o feito de que non se vote en urna e non se garanta a identidade de quen exerce o voto, pois non é positivo.
Quizais por iso, porque pensamos que é certo, non pensamos que estas declaracións de Núñez Feijoo teñan nada que ver coa recente e contundente derrota do PP no que respecta ao sufraxio chegado do exterior, onde o PSOE lle comeu máis do 60% do voto.
Quizais por sermos bondadosos podemos entender que o feito de o PP gobernar durante durante 16 anos Galiza e 8 o Estado sen ter amañado esta cuestión se debese máis que nada a un esquecemento, e non, para nada, ao feito de entón ser eles os beneficiados do voto exterior.
Algunha xente puido pensar que coa aprobación da tímida lei sobre a memoria histórica pasariamos, por fin, páxina, e o franquismo, a ditadura, desaparecería das nosas vidas, e poderiamos comezar dunha vez a crer que vivimos nun Estado que cre e acredita na democracia.
Sen embargo, a realidade bate forte nos nosos fuciños. Onte a prensa local recollía unha denuncia do BNG na que se manifestaba que na restauración que acometeu o Concello de Coristanco no Río do Canal se procedeu á conservación e repintado do xugo e as frechas, símbolo claro dun pasado non tan lonxano. Mentres a lei da memoria histórica da un prazo para a eliminación dos vestixios do franquismo, os gobernantes de Coristanco tiran polo camiño contrario e sacan brillo ás máis escuras lembranzas.
Lamentabelmente, a actitude dos gobernantes “populares” de Coristanco non é única, posto que outro caso moi sonado é o da Laracha. Nesta vila, a pesar das moitas mocións que se teñen presentando pedindo cambios, o goberno local (PP) insiste en manter como nomes das rúas moitísimos altos cargos da ditadura, atopándose o caso máis lamentábel e significativo no propio edificio municipal. O Concello da Laracha, ente que representa a toda a veciñanza e ao poder democrático local, ten a súa residencia na Praza do Xeneralísimo. Aí é nada.
En fin, que máis que a aprobación dunha lei, lamentabelmente, o paso adiante terá que vir dado pola retirada da vida pública dun bo número de persoas que constitúen unha rémora do pasado máis do que unha oportunidade de futuro.
Parece que foi onte pero xa fai cinco anos daquela tristemente famosa foto, a do Trío das Azores: Bush, Blair e Aznar. Trío que debería ser cuarteto, pois tamén estaba por alí Durao Barroso na súa calidade de anfitrión.
En todo caso, fai xa cinco anos que estes tres presidentes decidiron invadir Iraque, dando un ultimato de catro días ao anterior presidente Sadam Husein. Logo, a historia de case todos/as coñecida: a invasión, a fuga de Sadam, a súa captura e asasinato e, até hoxe, coa ocupación, os atentados, e o goteo constante de vítimas que non cesa.
A guerra ten todo ou moito de inxusta, pois quen segue a padecer as consecuencias é o pobo de Iraque, cunha sangría de vítimas sen fin, cunha “liberdade” irreal e cunha inestabilidade interna que non se sabe como continuará. EEUU, a promotora do ataque, foi ficando soa, tralo cambio de goberno en 2004 en España, e as sucesivas decisións internacionais dos países que acabaron enviando tropas á ocupación de ilas retirando. A guerra, para EEUU, tamén ten cifras, as dos seus militares mortos, e tamén a do seu custo económico: 12.000 millóns de dólares ao mes, que se di ben pronto. E cantas cousas non se amañarían con todo ese diñeiro?
A guerra, aliás, para o actual presidente Bush tamén é unha bomba de reloxería, pois segue a dinamitar e polarizar as valoracións sobre a súa xestión presidencial, que rematará este ano. Xa non é posíbel valorar o mandato do segundo dos Bush sen falar da guerra, e o resultado non é positivo. As críticas véñenlle de todos lados, incluso vén de dimitir o seu responsábel de operacións no Iraque, que días atrás criticara nun artigo de opinión a xestión do presidente Bush.
Este ano haberá presidencias nos EEUU. Veremos se quen asuma o relevo (Bush xa non pode volver presentarse) ten a capacidade e a valentía para solucionar o lío que alguén abriu no Iraque, e a ver se consegue facelo sen deixar a este pobo en peor situación da que estaba.
O pasado ano o Concello de Carballo puxo en marcha un proxecto novedoso, solidario, cultural e internacionalista: naceu Panxea. Co obxectivo de unir a través da diversidade cultural, en idénticas datas (coincidindo coa festividade de Semana Santa) tivo lugar este primeiro evento no aparcamento do Pazo da Cultura.
Panxea 2008 nace co obxectivo de consolidar un proxecto que sitúe a Carballo como referente máis aló das fronteiras da comarca, cun programa variado, con música de diversas orixes (Uruguay, Cuba, Euskadi…), con feira de asociacións, con espazo para o comercio xusto, con espectáculos de rúa… en fin, unha oferta variada e multicultural.
Panxea 2008 é unha alternativa diferente, atraínte, e sobre todo novidosa no escenario da comarca de Bergantiños. Poucos espectáculos, poucas ofertas de ocio, terán nacido con tan boas pretensións.
Longa vida, pois, a este festival Panxea que, entre os días 20 e 22 de marzo, terá lugar no aparcamento anexo ao Centro Comercial Bergantiños Haley, cun convite a coñecer mundo (desta volta, en especial, sudamérica) sen saírmos de aquí.
Por certo que Panxea volve coincidir no tempo con outra actividade ben interesante e senlleira xa na historia da Costa da Morte como é a Mostra do Encaixe de Camariñas. Dende aquí, por suposto, convidamos tamén a visitar ese fantástico evento. Ambas dúas actividades constitúen, de certo, unha oferta ben interesante para esta ponte festiva.
Abondo deron de si as eleccións, e é hora de ir pechando a sección. Estes días estamos cos últimos retazos de campaña, agora a contas do reconto do voto emigrante. Neste senso, e sendo xa improbábeis as variacións en Galiza, o máis destacábel veu pola perda dun escano de CiU, escano que recuperou o Partido Popular, aínda que este dato para nada vai alterar o escenario a nivel electoral.
Para rematar, cumpría ao mellor facer unha reflexión sobre a lei electoral. Tense dito en moitas ocasións que o sistema electoral beneficiaba aos partidos nacionalistas, en detrimento doutras forzas que se presentaban en todo o Estado, como IU. E decote había queixas polo que de particular ten a Lei D’Hont, que é a que regula a forma de repartir os escanos.
Nestes días pululan pola rede diversos estudos que analizan cales terían sido os resultados se, co mesmo número de votos, tivesemos unha circunscrición única (e non 52, como na actualidade) ou incluso un reparto de escanos proporcional e non a través da Lei D’Hont.
Nunha web española atopámonos cunha extrapolación dos datos a unha circunscrición única, e vemos a primeira grande falacia. Os partidos nacionalistas apenas experimentan variación, xa que mentres o PNV perdería dous escanos, pola contra CiU mantería resultados e incluso BNG e ERC gañarían un escano. Pola contra, si queda plasmado de forma evidente como os dous grandes partidos saen beneficiados a costa de IU, xa que cunha circunscrición única, o PSOE perdería oito escanos e o PP seis, a maioría dos cales irían para a citada coalición. Esa é a verdadeira clave de que nunca se chegue a reformar en España a lei electoral: os grandes beneficiados son os dous partidos maioritarios, que co 83% dos votos obteñen o 92% da representación.
No blogue O Reverso podemos ollar este mesmo cálculo ou outro baseado nunha circunscrición intermedia, pero tamén é interesante a outra extrapolación que fai, cambiando a Lei D’Hont por un reparto de escanos baseado no método proporcional. A sangría de deputados/as que perderían os dous grandes é aínda maior.
Así que, amigos e amigas, xa podemos adiantar que non haberá reformas da lei electoral. Quen controlan o 92% do novo Congreso dos Deputados teñen moi claro que así lles vai moi ben.
Para pechar esta sección, deixámosvos uns vídeos coa valoración dos líderes dos tres grandes partidos galegos sobre os resultados electorais. Como comprobaredes, coma case sempre, ninguén perdeu.
Comentarios Recentes