Domingo, 02 de marzo de 2008
A unha semana das eleccións xerais do 9 de marzo, case toda a prensa escrita aproveita para publicar enquisas de intención de voto de cara á cita electoral. As enquisas teñen, todas elas, unha fiabilidade limitada, e sempre se acostuma dicir que a verdadeira enquisa é a do día das votacións. Sen embargo, hai trazos comúns que podemos destacar de todas elas, e que poden ser xa indicios do que acontecerá o domingo.
Como grande titular a estas alturas, semella que o máis que probábel é que ningunha forza política obteña maioría absoluta o vindeiro domingo, e de feito ningunha enquisa prognostica este resultado para ningún dos dous grandes partidos. Así pois, tal e como ben de reclamar o BNG nestes quince días, o escenario será aberto e quen queira gobernar terá que escoitar aos demais.
No mapa galego, o PP segue á baixa, perdendo puntos en intención de voto en practicamente todas as provincias, aínda que semella que iso non lle repercutirá negativamente no número de representantes (cousas da lei electoral) salvo, quizais, en Ourense.
O BNG, pola súa banda, amósase como a única forza nacionalista do conxunto do estado con previsións de mellorar os seus resultados, e de feito, a consulta da empresa Sondaxe para La Voz de Galicia atribúelle unha subida do 0.8% ao 1.1% (sobre o total de votos no Estado), o cal sería un magnífico resultado para o nacionalismo e unha subida moi significativa, aínda que isto, máis unha vez, tampouco repercutiría nun aumento de escanos, cando menos se a subida non é maior.
En todo caso, resta unha semana para os comicios, e é moito o que pode variar. Disque nos queda unha semana para escoller presidente do goberno. Despois, nos vindeiros catro anos, os galegos e galegas andaremos a preguntar, en cada votación, onde están os deputados/as do noso país e por que non nos defenden. Quizais debamos esta semana parármonos a pensar quen nos pode defender mellor durante os próximos catro anos. A reflexionar.

Comentarios Recentes