Tarde piaches, Alberto

O que hai que oír Engadir comentarios

Martes, 18 de marzo de 2008

De natural tendemos á benevolencia, a pensar que a xente, cando di as cousas, as di de corazón, tal e como as sinte, porque cre que iso axudará a mellorar a situación.

Por iso, cando hoxe lemos na prensa que Alberto Núñez Feijoo vén de manifestar que non hai nada máis urxente que a reforma do voto emigrante, pensamos que quizais teña razón. Que o feito de que algunhas persoas enviaran, dende o estranxeiro, votos acompañados do certificado de defunción do suposto votante, debería dar que pensar. Que o feito de que non se vote en urna e non se garanta a identidade de quen exerce o voto, pois non é positivo.

Quizais por iso, porque pensamos que é certo, non pensamos que estas declaracións de Núñez Feijoo teñan nada que ver coa recente e contundente derrota do PP no que respecta ao sufraxio chegado do exterior, onde o PSOE lle comeu máis do 60% do voto.

Quizais por sermos bondadosos podemos entender que o feito de o PP gobernar durante durante 16 anos Galiza e 8 o Estado sen ter amañado esta cuestión se debese máis que nada a un esquecemento, e non, para nada, ao feito de entón ser eles os beneficiados do voto exterior.

Quizais, quizais… quizais tarde piaches, Alberto.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in