Todos os días son 25 de novembro

Hoxe recomendamos..., Mulleres Engadir comentarios

Domingo, 30 de marzo de 2008

O 25 de novembro conmemórase mundialmente o día da non violencia contra as mulleres, pero acotío nos atopamos con razóns para reivindicar que ese día sexa todos os días. E é que a violencia, física, sicolóxica, no particular ou no colectivo, está presente a diario na nosa vida. Por iso, hoxe, 30 de marzo, chamamos tamén á non violencia sexista, en calquera dos seus formatos.

Esta reflexión, tan válida en calquera momento, vén hoxe a conto dun inquérito feito en Irlanda (pero quizais os resultados poderían ter sido semellantes en calquera outro lugar, xa que non é este un país que poidamos considerar subdesenvolto ou de baixa formación) que deixa datos arrepiantes.

Así, até un 30% da poboación á que se lle preguntou considera que a muller é quizais culpábel nun acto de violación. Algunhas das razóns que se esgrimen para manter afirmación tan brutal son nalgúns casos vergonzantes, xa que se consideran, por exemplo, o feito de ter tido varias parellas sentimentais ou o de levar roupa provocativa.  O triste é que a porcentaxe sobe aínda máis, até un 38%, se imos a aquelas persoas que consideran que a vítima é culpábel se transitou por unha zona remota ou deserta.

O lamentábel de todo isto é que a comparación de xénero é lapidaria. Culparía a sociedade a algún home por ter tido varias parellas, ou máis ben gabaría a súa sorte? Xulgaría alguén destemida e provocativa a vestimenta dun home, como para considerala incitante á agresión? E toda esa xente que considera á muller culpábel, que pensará da outra parte, do agresor? A enquisa non o di, e case preferimos non sabelo.

En fin, nun día que reflexionamos e reivindicamos á muller e a súa igualdade nunha sociedade que queira chamarse “do século XXI”, co significado que a iso quere dárselle, aproveitamos como despedida para recomendar un artigo ben interesante.

Rebeca Baceiredo reflexiona no portal Vieiros sobre a situación social da muller hoxe en día nun artigo que leva por título “O micropoder: I like your gun…!”, onde cun marcado toque irónico fala da importancia da imaxe e a silicona, do embarazo e o traballo, da violencia machista. En fin, deses temas tan falados pero que non por iso deixan de estar aí. En fin, boa lectura. Ler artigo.

3 Comentarios a “Todos os días son 25 de novembro”

  1. Mullerinha dixo:

    Ben é certo que este non é un problema que haxa que recordar unha vez ó ano ou unha vez cada catro anos para convencer a xente de

  2. Mullerinha dixo:

    que bote un papel ou outro nun sobre!!Por desgraza seguimos vendo estes casos na televisión como un caso alleo a nosa propia vida polo que cando nos preguntan cal é o problema que máis nos preocupa, o Estado Español responde o terrorismo, o paro, a vivenda, a inmigración…e a violencia contra a muller ocupa un dos últimos postos na lista.
    Obviamente na segunda pregunta, cal é o problema que máis lle afecta persoalmente a vostede, a xente responde o paro, a vivenda…e a aviolencia contra a muller volve a ocupar un dos últimos postos da lista.
    Ben, dende o meu punto de vista isto todo débese a un problema socioeducativo.
    A violencia de xénero vén dada porque vivimos nunha sociedade patriarcal na que, como ben di Rebeca Baceiredo, o home ten o poder na súa esencia máis primitiva, na que a muller é o obxecto, o florero que ten que adornar a casa.
    Isto que para moitas persoas está tan claro e intentan cada día loitar por cambialo descobren que non só teñen que enforntarse contra a sociedade que asume isto como algo normal e de natureza, senón que ademáis teñen que loitar contra sí mesmas, nun proceso de deconstrucción da súa propia educación.
    Non podemos pensar que o problema é das políticas e dos políticos(área na que os homes tamén son os que teñen a maior representatividade), dos homes que maltratan ou das mulleres que son víctimas. O problema é de toda a sociedade e da súa educación, e non podemos facer oídos xordos cando escoitamos que catro mulleres morren a mans das súas parellas en menos de 4 días. Ten que haber leis, teñense que aplicar e por suposto que se ten que invertir nelas, pero o pobo ten que educarse na igualdade e ser consciente e reflexivo con este problema, e deixar de ser tan egoísta para e con todo.
    Pouco a pouco, vai cambiando, seguro que alcanzaremos unha igualdade, son optimista aínda que día a día loite, incluso,contra min mesma.
    Facedeo un problema voso porque xa o é.Mirade o redor.

  3. Mullerinha dixo:

    Xa me esquecía, reflexionemos sobre a seguinte frase dunha das mulleres máis importantes da historia,Simone de Beauvoir:

    “NON SE NACE MULLER, CHEGASE A SELO”

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in