Mércores, 26 de marzo de 2008
Non é o primeiro, nin será o último. Adolfo Campos, alcalde “popular” de Dozón vén de ser condenado a 9 anos de inhabilitación para cargo e emprego público por un delicto de prevaricación, o que significa emitir resolucións sabendo da súa inxustiza.
A sentenza provén dun longo conflito coa funcionaria Ana Lois Novaza, quen tivo “a ousadía” de presentarse ás eleccións municipais dese Concello polo BNG e posteriormente ás eleccións sindicais na CIG. Desde estes feitos (ano 1999), a funcionaria padeceu sete cambios de horario en oito meses, suspensión de emprego e soldo durante ano e medio e incluso o traslado do seu posto de traballo a unha sala incomunicada.
Da noticia, fanse eco todos os medios de comunicación nestes días, e reflicte unha forma de ocupar o poder que debería estar en vías de extinción. Moi ao contrario, o Partido Popular respaldou sempre a este alcalde e el propio onte dicía sentirse inocente, malia a que a esta sentenza a precederon xa 33 sentenzas en idéntico sentido. Agardemos que esta sexa a definitiva e Dozón poida pasar páxina.

Comentarios Recentes