Luns, 24 de marzo de 2008
Fai xa algúns meses que o Concello de Carballo ten posto a andar unha interesante iniciativa e que non fora obxecto de comento nesta web. Falamos de literactúa, unha actividade que consiste en que cada mes se propón a lectura dun libro, e o último mércores de mes o autor do libro proposto participa nun encontro con aquelas persoas que lles apeteza conversar sobre o libro en concreto ou sobre a literatura en xeral.
A iniciativa é interesante por varios motivos, non só por promover un san exercicio como é a lectura, senón por pretender sacalo dos tradicionais espazos e levalo a lugares máis comúns ou máis frecuentados, como son os locais de hostelaría. Igualmente, porque permiten outro relación, máis directa, máis persoal, co mundo do libro, que colle así outra nova vida, permitíndonos coñecelo máis a fondo.
Para este mes a obra recomendada é Os ollos de K, de Antón Riveiro Coello, e o encontro co autor será este mércores, ás 20.30 horas, na Taberna-Café O Patacón. Antes, xa pasaron por Carballo Iolanda Zúñiga, Anxos Sumai, Carlos Meixide, Manuel Rivas, Séchu Sende, María Reimóndez, Suso de Toro, Uxía Casal, Francisco Castro, Teresa Moure e Diego Ameixeiras.
As propostas, por certo, son por trimestres. Este é o último libro dos tres propostos para o comezo de ano. Quen non chegarades a tempo, estade atentos/as porque en breve se coñecerán os títulos para o segundo trimestre do ano. Botádelle un ollo aos libros, e a literactuar.

Comentarios Recentes