Venres, 28 de marzo de 2008
O PSOE leva unha semana dándolle voltas á Costa da Morte, e canto máis actúa, máis se equivoca.
Despois de máis de dous anos e medio de goberno galego, ningún conselleiro/a nin tampouco o propio Touriño visitaran oficialmente o Concello de Carballo. Isto non é normal nin aceptábel, sendo como é Carballo unha vila dun importante peso poboacional no país e sendo como é cabeceira da Costa da Morte.
Pero mira por onde que, en tan só cinco días, deixáronse caer por acó tanto Touriño como a conselleira de Política Territorial, María José Caride. Non obstante, pouco ou nada en positivo sacamos disto. Volta a anunciar o que xa estaba anunciado (vía rápida até Baio) e a negarse a cumprir o prometido sobre a peaxe da autoestrada á Coruña. Aínda que é positivo e síntoma de normalidade democrática, para iso podían ter quedado en San Caetano.
As visitas semellan ter un elevado marcado carácter preelectoral, pois prodúcense a un ano vista das eleccións galegas (non viñeron escoitar as demandas da bisbarra e agora veñen vender promesas na fin do camiño) e co regusto dunhas eleccións xerais nas que o PSOE, por primeira vez en moitos anos conseguiu a vitoria en Carballo. Semellara que comezan a ver Carballo como graneiro de votos, e agora si lles interesamos. Mal van por aí…
Ao tempo, as visitas serviron para despertar unha vella e inútil disputa, pois o PP aproveitou para botarlle en cara a Touriño o incumprimento no levantamento da peaxe, cousa que non deixa de ser certa. Pero sendo certo non é quizais o PP quen deba falar disto, pois foron eles quen fixeron cargar á bisbarra con semellante lousa, facéndoa máis e máis grande co paso do tempo (non esquezamos que a concesión inicial foi logo prorrogada polo mesmo PP).
Esta semana tivo, ademais, outra mostra de lamentábel sectarismo por parte do PSOE. Argumentando un intento de racionalidade na prestación do servizo de emerxencias, anunciáronse cambios nas dotacións de Grupos Municipais de Intervención Rápida (GRUMIR).
Pero baixo tan loábel propósito (o da racionalidade) que compartimos, agóchase un trapallada sen medida. Reparen ben: en toda a Costa da Morte haberá tres dotacións da Grumir. Vale, correcto, pensaría calquera. Pois que os repartan ben polo territorio para que o servizo sexa o máis equilibrado posíbel. Pois vai ser que non.
A Consellería de Presidencia, en mans do PSOE, adxudica os tres GRUMIR a tres Concellos que están case pegados (Muxía, Camariñas e Vimianzo), mentras deixa toda unha comarca, a de Bergantiños, sen ningunha dotación. A maiores, usan o argumento da existencia de parques de bombeiros para retirar o GRUMIR que actualmente opera en Carballo, pero este criterio sáltano nos outros casos, pois todas esas vilas reciben servizo do parque de bombeiros de Cee.
O despropósito, con todo, non acaba aí. O peor é o caciquismo que se pode intuir detrás da proposta. Ninguén reparou en que curiosamente as tres vilas citadas teñen alcaldes do PSOE? Curiosamente, o BNG lidera os concellos de maior peso demográfico (Carballo, Zas) e o PP un maior número deles, pero casualmente todas as concesións caeron en mans de alcadías do PSOE. Nós non queremos pensar mal, pero quizais pensando mal acertariamos…
En fin. Unha semana para esquecer para o PSOE na Costa da Morte.

Comentarios Recentes