25 de abril, revolución dos caraveis

É historia Engadir comentarios

Venres, 25 de abril de 2008

O 25 de abril de 1974 cambiou a historia de Portugal, mais tamén cambiou algo en todo o mundo. Despois de medio século de goberno ditatorial de Salazar, o país luso comezou o seu camiño á democracia.

O Portugal que se convertera en refuxio de nazis fuxidos, ditadores (como Fulgencio Batista) ou monarquías sen trono (como a española), atopábase nunha situación límite. O país estaba marcado polas desigualdades sociais, o que provocou folgas e loitas xerais xa nos anos anteriores. Ademais, o outro piar da revolución foron os militares, fartos das vítimas que a Portugal lle custaba manter as súas colonias (Mozambique, Angola…).

A revolución do 25 de abril foi modélica, porque foi pacífica (o seu símbolo é unha flor, e iso dío todo), porque o exército estivo do lado do pobo, e quizais porque conseguiu un sentimento de unidade nacional até o entón inédito.

A revolución dos caraveis tivo tamén a súa banda sonora, o “Grandola, vila morena” cantado por Zeca Afonso. Ás 00.00 horas do día 25 comezou a soar esta canción en Radio Renacença, e aí comezou todo, esa era a consigna. 

A revolución foi popular e estivo representada pola cidadanía en xeral: produciuse a ocupación dos latifundos do Alentejo por parte dos labregos e labregas, a clase traballadora ocupou as fábricas e nacionalizouse a banca e grande parte da industria. A sociedade organizouse nos barrios, nas fábricas e nas aldeas, e soubo reaccionar aos intentos de deter a revolución.

Todo cambiou após esa data. Non só foi o paso á democracia, senón moitas outras cousas. Por exemplo, dende entón, procedeuse á descolonización das colonias que aínda tiña Portugal: Angola, Mozambique, Guineaa Bissau, Sao Tomé e Príncipe e Timor.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in