Mércores, 16 de abril de 2008
Mañá, xoves, a partir das 20.00 horas, proxéctase no Pazo da Cultura de Carballo o documental “As Encrobas: a ceo aberto”, producido por Bocixa, líder do grupo Zënzar, que repasa os feitos acaecidos a mediados da década dos 70 cando Fenosa pretendeu instalarse nesta parroquia da vila de Cerceda. Consideramos que o filme ten moito interese, e por iso vos convidamos a velo. En todo caso, para quen non queira ou non poida vir velo, deixámosvos este aperitivo.
A historia das Encrobas comeza a escribirse no ano 1974, cando o Consello de Ministro que dirixía Francisco Franco acordou a expropiación de 850 hectáreas de terreo na parroquia das Encrobas en beneficio de Unión Fenosa, que buscaba a explotación dos xacementos de lignito que alí existían, no lugar onde acabaría instalándose a central térmica de Meirama.
Pero a loita veciñal non se fixo agardar, en grande medida polos baixos prezos que ofrecía pagar a compañía aos propietarios/as dos terreos. A loita tivo momentos épicos, como a manifestación de agosto de 1976 na Coruña, onde a case 400 labregos/as da zona se uniron solidariamente miles de veciños/as da Coruña xuntando máis de cinco mil persoas, rematando todo cunha carga policial.
A data clave, non obstante, foi a do 15 de febreiro de 1977, cando varios centos de gardas civís acudiron á zona para cumprir co trámite da expropiación. Pero para cando chegaron, estábanos agardando centos de homes e mulleres, na súa maioría de idade anciá, que se negaron a abandonar as súas terras, baixo o lema “A terra é nosa, e non de Fenosa”.
Os feitos das Encrobas provocaron innumerábeis mostras de apoio ao longo do país, e xunto ás loitas de Xove e Baldaio constitúen algúns dos máis importantes capítulos da historia galega daqueles tempos.
As tres loitas citadas e outras, mais fundamentalmente a que tivo lugar en Cerceda, deron sona por todo o país a Moncho Valcarce, coñecido dende entón e para sempre como “o cura das Encrobas”. Aínda que era sacerdote, nunca o foi destas terras cercedenses, mais o nome quedoulle a raíz da revolta.
Moncho Valcarce sumou á súa profesión de relixión un descoñecido (cando menos nese gremio) compromiso humano co seu tempo. Foi líder do sindicato nacionalista Comisións Labregas, que encabezou as loitas, e o seu liderado foi clave. A empresa acabou por aceptar negociar cos labregos/as, e o acordo final foi moito máis beneficioso.
Os sucesos das Encrobas mereceron, no seu trinta aniversario, unha detida reportaxe do xornal Vieiros, reportaxe á que recomendamos unha ollada.

Comentarios Recentes