Martes, 29 de abril de 2008
Hai valores dos que se alardea moito, mais que despois para algunha xente semellan difíciles de practicar. Falamos da liberdade, do dereito á liberdade de expresión, e do respecto a quen pensa distinto. Se conxugamos a dificultade para asumir postulados coma estes coa posesión de fortes doses de poder, atopámonos con atropelos inxustificados que despois se “xustifican” en nome da democracia e demais (pobre democracia, con que culpas ten que cargar!).
Vén isto a conto de cumprírense fai algo máis dun mes o quinto aniversario do xornal Egunkaria. O xornal Egunkaria ten, por todo delito coñecido, escribir dende Euskadi, para Euskadi, e en euskara. Isto seica molestaba a moita xente, e as asociacións de ideas, sempre que falamos destas terras, foron fáciles. Comezouse con acusacións infundadas de colaboración co terrorismo (en Euskadi isto comeza a ser unha acusación demasiado frecuente) e rematouse cun peche preventivo.
O conto é lamentábel. Os traballadores e traballadoras do xornal aínda hoxe non se puideron defender, e é que a cousa é que o xornal foi pechado como medida cautelar (presunción de culpabilidade, seica), e aínda hoxe segue pechado, por máis que o único fiscal que presentou cargos xa os retirou, non existindo na actualidade nin acusación, nin condena, nin xuízo. Esta é a xustiza española, que meritoriamente se sitúa nun triste 46º posto mundial en imparcialidade e 64º en independencia, por debaixo de países como Malawi ou Turquía.
Para máis escarnio, na data en que se cumpría o quinto aniversario do peche sen probas do Egunkaria, saían da cadea Alberto Cortina e Alberto Alcocer, dous ladróns de gravata, os coñecidos como “os Albertos”. Foran condenados a máis de tres anos de cadea por estafa e falsidade, pero o Tribunal Constitucional estimou que os delitos prescribiron (ou que tanto “glamour” non podía estar entre reixas, non o temos claro).
Non imos facer unha reflexión final por non nos deprimir. Que cadaquén tire as súas propias lecturas, non é difícil.


Comentarios Recentes