Corcubión, a terra onde o acordo é unha utopía

Está pasando Engadir comentarios

Xoves, 17 de abril de 2008

Supoño que xa coñecerán a historia recente de Corcubión, no plano político, pero por se acaso facemos un resumo rápido. Rafa Mouzo foi alcalde dende 1979 até 2003 de forma ininterrompida, polo BNG dende a súa fundación. No 2003 perdeu a maioría absoluta, pero prevíase que mantería o bastón de mando en virtude do acordo nacional BNG-PSdeG. Porén, os concelleiros socialistas racharon o pacto e apoiaron ao candidato independente do AVIC, e cambiou o dono do bastón. Catro anos despois, os noutrora independentes participaron das eleccións na candidatura socialista, pero non conseguiron a maioría suficiente, e apenas gañaron as eleccións por unha ducia de votos, insuficientes para gobernar. Neste escenario, Rafa Mouzo e o BNG, cos mesmos edís que o PSdeG, voltaron ao poder co apoio da única concelleira do PP.

Até aquí era o sabido. Tamén era sabido que Rafa Mouzo anunciou a súa retirada por motivos de saúde, co cal todo facía prever que Óscar Ínsua, segundo do BNG, ocuparía a alcaldía, converténdose no alcalde máis novo do país. Pero mira por onde que a concelleira do PP di que o que había até entón non vale, e que faltando Rafa a alcaldía tiña que ser para ela (a única concelleira do PP).

Onte tivo lugar, pois, o pleno onde se tiña que escoller novo alcalde ou alcaldesa. E como se prevía, foi un diálogo de xordos. Todos os partidos votaron ao seu candidato ou candidata, co cal o novo alcalde é Francisco Javier Lema, outrora candidato do AVIC e desta volta líder do PSdeG.

É curioso. Fai uns días Alberto Sueiro, portavoz do PP de Carballo, botoulle en cara a José Antonio Viña, do PSOE, estar de alcalde (aínda que fose accidentalmente) sendo o líder da forza menos votada de Carballo. Sería bo que lle transmitise a mesma mensaxe á súa compañeira de partido en Corcubión, que sendo a única concelleira do PP, tamén quería ser alcaldesa. Cousas da vida.

En todo caso, os monólogos cruzados de Corcubión depararán aínda máis capítulos, non teñan dúbida. O alcalde socialista non ten maioría suficiente para aprobar nada no pleno, e necesita dunha das outras dúas forzas políticas. A día de hoxe, hai cinco concelleiros/as con dedicación exclusiva en Corcubión, curiosamente todos/as eles/as na oposición.

En fin. Cabe, dunha vez por todas, facer unha chamada ao sentidiño común en Corcubión. Fai xa tempo que se fala dunha división en dous da vila, e os feitos non parecen ir no camiño de solucionar nada. Tempo ao tempo.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in