Martes, 08 de abril de 2008
Abordamos onte a figura de Manuel Curros Enríquez, quen este venres, no Casino de Carballo, será obxecto dunha conferencia, a raíz dos actos conmemorativos do centenario do seu pasamento. Tal efeméride ben merece que paremos un pouco a revisar quen foi, quen é e o que representará para o país este personaxe. Nestes días, xa que logo, deterémonos na figura do autor de Celanova.
Curros é coñecido, fundamentalmente, por ser un dos tres piares máis importantes que sostiveron o rexurdir da literatura galega no paso dos séculos XIX ao XX, xunto con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dos tres, en vida, foi quizais o máis recoñecido (da súa obra máis importante tiráronse varias edicións en poucos anos), aínda que isto non lle valeu para evitar un dos males máis habituais naquel tempo no noso país, a emigración, ou quizais foi parte da razón, posto que os seus escritos valéronlle algúns que outros inimigos.
Curros comezou a súa obra literaria en galego co poema “A Virxe do Cristal“, que lle valeu para gañar un certame poético en Ourense no ano 1877, e que narra unha historia de carácter popular sobre dous namorados e a aparición da virxe.
Tres anos despois vería a luz a súa obra máis sonada, “Aires da miña terra“, unha obra cualificada por algúns de costumista, pero que ten un forte trasfondo de denuncia social. O poemario recollía textos de diferentes anos, e nas sucesivas edicións que publicou en vida foi aumentando a escolma.
Xa no ano 1888 publicou “O divino sainete“, unha obra dun forte contido anticlerical, o que despertou a ira de boa parte da xerarquía eclesiástica, nomeadamente do bispo de Ourense. A obra narra unha suposta viaxe do propio Curros a Roma con motivo do ano xubilar, e Curros aproveita o camiño para caricaturizar a diversos personaxes das xerarquías eclasiástica e política do seu tempo.


Comentarios Recentes