Mércores, 09 de abril de 2008
Onte abordabamos a figura de Manuel Curros Enríquez dende unha perspectiva literaria, referíndonos á súa obra. Hoxe repararemos na súa faceta máis humana, máis comprometida. E é que dos tres grandes do rexurdimento, Curros foi quizais o máis activo socialmente.
Curros foi, nos primeiros tempos, un home alleo ideoloxicamente á Galiza, comprometido co ideal republicano, liberal, un home que cría no progreso e nos avanzos técnicos, na liberdade e na separación total entre Igrexa e Estado. Era Curros republicano, anticlerical e anticaciquil.
Foi na etapa da Primeira República española cando se conformou ideoloxicamente Curros, e polos seus principios será polos que traballe e loite nos seus comezos. Mais o paso do tempo, o feito de irse topando día a día coa realidade dun estado español centralista, fixo que Curros fose co tempo tomando consciencia do país, e acabaría tomando parte do movemento prenacionalista, do mesmo movemento que liderarían Manuel Murguía e Alfredo Brañas.
O seu activismo ideolóxico e social tróuxolle os seus problemas, pois coa caída da República e a chegada da Restauración acabaría perdendo o seu posto de traballo e tería logo outros problemas nos sucesivos xornais nos que foi colaborando. Ao final, Curros optaría por coller o camiño da emigración cara Cuba, onde viviría o proceso de independencia desta illa con respecto a España.
Curros morrería no 1908. Sen abandonar nunca o seu ideal republicano, acabou comprometido coa súa terra natal (na que pouco tempo viviu, xa que estivo moito tempo en Cuba, os últimos catorce anos da súa vida, e outros moitos anos en diversas partes do estado español), coa súa lingua, e incluso co antiimperialismo, que se materializaría especialmente no poema que dedicou a Rosalía de Castro na visita que fixo á súa tumba.
Curros foi enterrado na Coruña, e o seu cadáver foi recibido por unha multitude de persoas. Curiosamente, foi enterrado co ritual católico, o que provocou o malestar de moitos contemporáneos que non o entenderon coñecendo o pensamento de Curros.

Comentarios Recentes