Luther King, corenta anos despois

É historia Engadir comentarios

Venres, 04 de abril de 2008

Hoxe cúmprense corenta anos do asasinato do histórico líder Martin Luther King, un dos homes que, nos tempos modernos, máis ten contribuido a un cambio de tendencia na sociedade estadounidense.

Pastor da igrexa batista, comezou a súa loita pola igualdade racial nos Estados Unidos ao producirse a “rebelión” de Rosa Parks, unha muller de pel negra que se negou a ceder o seu asento nun autobús a un branco, como ditaban as normas daquel tempo. Esta foi a orixe dun movemento pola igualdade racial que tivo en Martin Luther King ao seu símbolo.

No ano 1963 Martin Luther King protagonizou un dos momentos que ficarán para a historia, cando nunha manifestación, pronunciou o seu histórico discurso “I have a dream”, no que expresaba o seu desexo de que un día, nenos e nenas, sen importar a súa raza, puidesen interrelacionar. Ao ano seguinte sería condecorado co Premio Nobel da Paz.

O seu asasinato produciuse en Memphis, antes de comezar unha marcha de protesta, e o culpábel, James Earl Ray, unha de tantas persoas que aínda a aquelas alturas de século defendían o “statu quo” vixente, a separación que aínda era latente entre razas, e que era unha opción moi forte sobre todo nalgúns estados do sur.

Luther King morreu aos 39 anos, moi novo, pero a súa imaxe quedará para a historia como unha das figuras máis senlleiras do século XX, como defensor da igualdade racial, como propulsor da loita pacífica (como seguidor que era do Mahatma Gandhi), por ter rexeitado xa a altura e ter liderado as protestas contra a guerra do Vietnam.  Representa, sen dúbida, unha biografía a non esquecer.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in