Venres, 18 de abril de 2008
“Con amigos coma ti, quen quere inimigos?” Esta é unha frase moi socorrida, e algo así deben estar a pensar no BNG vendo as actitudes dos seus compañeiros/as no goberno galego. O PSOE galego semella que non tivese que explicar nunca o que fai nin o que di, e fai da contradición e a hipocresía un auténtico modo de vida.
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), liderada polo socialista Carlos Fernández, presentou a semana pasada un recurso contra o Decreto das Normas do Hábitat, redactado pola Consellaría de Vivenda, en mans do BNG. Ante as protestas, que eran de agardar, de parte do sector da construción, o presidente da Xunta, tamén do PSOE, retrucaba que non había motivo para tanto balbordo e, digamos, que as Normas do Hábitat eran un paso adiante. Logo, si ou non? Para adiante ou para atrás? Pois non está claro. Hoxe Touriño dixo apoiar o espírito do decreto, pero tamén entender o recurso presentado polo seu compañeiro de formación.
Pero quizais máis grave aínda sexa o acontecido con Loli Rodríguez Amoroso. Esta muller, que poida non ser coñecida para o común dos mortais, é “a xefa” das Xuventudes Socialistas de Galicia e presidenta do Consello da Xuventude. Sempre, e nos últimos tempos tamén, defendeu a morte á parte do goberno galego dirixida polo PSOE, mentras atacou con dureza políticas do BNG, xa sexa en materia de Vivenda ou as levadas a cabo dende a Dirección Xeral de Xuventude.
Pero mira por onde que fai unhas semanas debeu caer da cama, e pediu a retirada da proposta de Lei de Drogas que están a redactar dende a Consellaría de Sanidade (PSOE). É curioso o desta muller porque fai uns días facía unha defensa entusiasta do uso do galego. Sería bo que tamén lle transmitira ese entusiasmo a boa parte do seu partido, por exemplo ao sector coruñés máis fiel a Paco Vázquez, no canto de predicar mundo adiante.
O dito, que a coherencia é algo que está en crise, e no PSOE, con tanto xiro ao centro, perderon o norte. Desexémoslle que o atopen de volta e decidan poñer rumbo á esquerda canto antes.

Comentarios Recentes