Domingo, 20 de abril de 2008
Faltan catro semanas para a manifestación que, baixo convocatoria da Mesa pola Normalización Lingüística, percorrerá as rúas de Compostela baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego!”. Por iso, hoxe é unha data tan boa como calquera outra para reivindicar a universalidade e validez da nosa lingua, e que a nosa tamén é unha lingua de encontro. Na inauguración da semana do libro de Carballo puidemos ollar un grupo multicultural, con dous bielorrusos, un ucraniano e dous galegos, que sendo o cantante bielorruso, se dirixiu con toda normalidade en galego ao auditorio, e mesmo cantou en diferentes linguas (castelán, ruso, e un brasileiro que os galegos e galegas entendemos perfectamente porque esa tamén é, de certo, a nosa lingua).
Este exemplo non é único, porque fai unhas semanas Oskorri, grupo de folk chegado de Euskadi, sorprendeu ao auditorio dirixíndose e presentando en galego con toda normalidade. Para quen ven, pois, nas linguas, fronteiras, que saiban que son eles e as súas propias autolimitacións as que poñen fronteiras ao entendemento, nunca os idiomas.
Porén, xa sabemos que na Galiza tamén hai quen anceia outro futuro, quen gustaría que o galego non gozase das mil primaveras máis que reclamaba Álvaro Cunqueiro, e quen ollaría con bos ollos un escenario no que o galego deixase de ser “un estorbo”.
O sempre xenial Castelao dixo unha vez que a diferencia de culturas e linguas é o que nos diferencia e fai superiores aos animais. Non obstante, como el dicía, segue habendo quen pensa que o galego é un bo idioma para “falar coas vacas” e cre que o futuro está na linguaxe universal. Que non? Escoitade.
O dito, a por outras mil primaveras máis. Na escola, na xustiza, na rúa, no centro médico, a nosa é unha lingua válida e útil. Polo dereito a vivirmos na nosa lingua, este 18 de maio queremos verte en Santiago de Compostela.


Abril 21st, 2008 at 16:07
Defendamos a lusofonía ou galeguía, un tronco lingüístico que permite aos galegos comunicarse con varios millóns de persoas, dende o Brasil até Cabo Verde, pasando por Portugal e outros moitos países.