O mundo ao revés

O que hai que oír Engadir comentarios

Sábado, 05 de abril de 2008

Hai novas que poden deixar a calquera con cara de parvo/a. Lense unha vez, matínase, lense novamente, e trala terceira lectura, pensa calquera que vive nun mundo tolo, nun mundo ao revés. Velaí a historia, que trascendeu esta semana.

Unha empregada denunciou a unha empresa (a Cadena Cope) por despido improcedente. As causas do despido, por certo, ben significativas: ser do BNG e lesbiana. Quizais o erro era pensar que podía traballar nesa empresa.

O caso. Feita a denuncia, esta é remitida á empresa. Esta contesta. Hai xuízo e sentenza. Todo correcto. Todo? Pois non. Despois de todo o proceso, a empresa vén de recorrer a decisión xudicial alegando que o seu avogado non coñecía o galego. Incríbel! Unha vez que xa todo rematou, e véndose perdidos, buscan a baixeza de pretender ignorar a lingua (en todo caso, poderíano ter dito antes) para evitar a súa culpa.

O triste do asunto é que o Consello Xeral do Poder Xudicial vén de abrir dilixencias previas contra a xuíza, Ana López-Suevos, por permitir a utilización do galego, o que foi calificado polos avogados da COPE de “sectarismo e partidismo”.

En fin, o dito, o mundo ao revés. Alguén pode pensar que a xustiza é un ámbito no que o galego estea nunha situación minimamente normal? Pois hai a quen aínda lle parece que ocupa espazo en demasía.

Non nos imos deter en valoracións. Quizais unha opinión moi acertada ao respecto sexa a xa manifestada por Bieito Lobeira, cremos que suficientemente elocuente.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in