O que custarán mil primaveras!!

Está pasando Engadir comentarios

Martes, 1 de abril de 2008

A loita por vivirmos na nosa lingua na nosa terra é unha batalla que xa presumiamos que sería custosa, pois sempre houbo moita xente interesada no contrario. Porén, chegamos a confiar, acreditar en que a chegada dos tempos novos, da democracia, faría disto un proceso máis sinxelo e natural. 

Sen embargo, a democracia tamén ten as súas trampas, e a lingua é vítima delas. No país somos xa expertos en numerosa lexislación que non se cumpre. O caso de Paco Vázquez co topónimo é quizais o máis representantivo, pero seguramente non o máis grave. En materia de ensino, o incumprimento da lexislación foi unha constante durante os gobernos do PP, e na actualidade a realidade aínda está lonxe de mellorar.

Coa aprobación dun novo decreto sobre o galego no ensino, estivo a piques de conseguirse a unanimidade, a “pax social”, até que a última hora, o propio PP se tirou atrás despois de ter pactado os contidos. Aínda así, o decreto foi aprobado, pero máis unha vez, numerosos colectivos, entre eles recentemente Nova Escola Galega, veñen denunciando que a lexislación é pouco máis que papel mollado, porque o regulado non se cumpre e a administración educativa, en mans do PSOE, pouco ou nada fai porque se cumpra. 

Neste escenario, A Mesa pola Normalización Lingüística convoca para este 18 de maio unha nova manifestación a prol da lingua, manifestación que dende aquí apoiamos e agardamos que sexa multitudinaria.

No entanto, os tímidos avances para o galego teñen xerado xa unha violenta contestación dende diversos sectores sociais e mediáticos que chaman á rebelión contra unha suposta imposición do galego. Tendo en conta o absurdo de considerar o feito como unha imposición, xa que o galego é a nosa lingua, polo cal sería en todo caso unha autoimposición, non é menos certo que toda regulación (sexa lei, decreto…) impón e ordena, sen que por iso deixe de ser lóxica.

A “rebelión” comezou coa plataforma Galicia Bilingüe, e estase a estender nos medios de comunicación, con artigos en teoría de opinión, pero que teñen moito de mobilizadores e axitadores, e non son para nada inocentes. Como mostras, o artigo de María Mata Moretón en El País (supostamente un xornal “progre”, mira ti) falando de adoutrinamento, ou supostos estudos nada casuais, como o publicado por La Razón sobre unha suposta fuga de fichaxes nas empresas.  Este mesmo xornal e outras xa tiñan iniciado ofensivas contra o euskera, por exemplo, e parecen dispostos a dar unha batalla de longo percorrido tamén contra o galego. 

O dito, quen anhelamos poder vivirmos na nosa lingua na nosa terra semella que teremos que traballar e reclamar día a día os nosos dereitos. Pois así será.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in