Sábado, 26 de abril de 2008
Outra volta toca falar de historia, se onte era da de Portugal, hoxe da nosa propia. Cúmprense 162 anos da morte duns idealistas, por chamarlles así, posto que a súa era unha “revolución” que, quizais, estaba condenada ao fracaso dende o comezo xa que as forzas eran moi desiguais.
En abril de 1846 subleváronse na Galiza un fato de homes e mulleres, comandados polo coronel Miguel Solís, que reaxían contra o goberno autoritario do Xeneral Narvaez, un levantamento que foi de xentes de carácter progresista, pero que pronto recollerían as demandas do pobo galego, converténdose, para algúns historiadores, en precursores do movemento nacionalista galego.
Os provincialistas, como se lles chamou, tentaban recompoñer a unidade administrativa de Galiza, desfeita trala división administrativa do estado en provincias, que databa do ano 1833. Solís foi un dos homes clave, o outro foi Antolín Faraldo.
Aínda que a súa causa estaba condenada á derrota, a loita foi valente, e quizais por iso teña máis mérito. Aínda así, o fusilamento dos sublevados tivo lugar na vila de Carral, tal día como hoxe, porque o goberno tiña medo da reacción e o apoio popular se os fusilamentos se producían nalgunha das grandes vilas do país, razón pola cal optaron por unha vila media.
Da revolución de 1846, entre outras cousas, quedarán os escritos e manifestos que dan proba do xermolo do que acabaría sendo o movemento nacionalista galego: “Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai a erguerse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase a engrandecer o antigo Reino da Galiza, dando proveitosa dirección aos numerosos elementos que atesoura no seu seo, erguendo os cimentos dun porvir de gloria”.
Na rede, recomendamos a reportaxe que hoxe ofrece o xornal electrónico Vieiros, e tamén podedes atopar información na galipedia, así como noutras webs como Galicia Espallada ou Chuza.


Comentarios Recentes