Sábado, 19 de abril de 2008
Mañá domingo inaugúrase en Carballo unha nova edición da “Semana do libro e a lectura”, que organizan a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, a Concellaría de Cultura do Concello de Carballo e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).
Desta volta, as Semanas do libro e a lectura propoñen unha viaxe polo fascinante mundo dos mares, seguindo a estela da Feira do Libro de Pontevedra, que escolleu tamén esta temática para a edición do presente ano.
O programa completo pode consultarse na web do Concello de Carballo, e comprende innumerábeis actividades para todas as idades.
Mañá será a inauguración, ás 12.30 da mañá, e contará, para alén das intervencións das autoridades, con teatro musical para nenos e nenas a cargo da compañía “Stranniki”, e coa actuación do grupo de teatro do CEIP Fogar de Carballo que presenta “O Atlántico e Rosalía”.
A semana do libro e a lectura oferta exposicións permanentes de ilustradores/as de libros, de materiais elaborados por alumnado e exposicións de libros, sobre todo literatura infantil. Todos os días da semana, ademais, ás 18.30 horas haberá actividades abertas ao público, con contacontos, ilustradores/as e outras actividades nun ambiente rodeado de libros.
Ademais, todas as tardes se desenvolverán actividades específicas para o profesorado, haberá unha xornada (martes á tarde) para as familias (destinado á promoción das actividades de animación á lectura na casa) e moitos colexios acudirán a actividades propias deseñadas para eles.
En fin, unha aposta pola lectura, por difundir entre a nosa sociedade un hábito tan positivo como devaluado nos últimos tempos. Longa vida, pois, a estas xornadas, e que todas as persoas, maiores e nenos, se animen a participar.
Chuza!


Comentarios Recentes